Comisión 50 aniversario do 10 de marzo: “Pretendemos ir máis aló do mero exercicio de nostalxia”

Entidades e colectivos, con Fuco Buzán e Memoria Histórica Democrática á fronte, presentaron o manifesto con motivo de se facer, en 2022, medio século do 10 de marzo de 1972, unha data clave na historia da Galiza. Entre as propostas, levar para a Porta Nova de Ferrol o monumento do 10M que está en Recimil.

[Imaxe: Wikipedia] Monumento ao 10 de Marzo
photo_camera Monumento ao 10 de Marzo

En 2022 faranse 50 anos do 10 de marzo de 1972, data clave na historia da Galiza e que foi designada como Día da Clase Obreira Galega. Un grupo de colectivos, organizacións e entidades impulsan un manifesto que ten como finalidade que este aniversario teña o protagonismo que merece.

As Asociacións Culturais Fuco Buxán e Memoria Histórica Democrática presentaron o Manifesto con motivo do 50 Aniversario: ‘Memoria e Dignidade’. Unha presentación na que tamén se propuxo que se ía solicitar ao Concello de Ferrol que o Monumento ao 10 de Marzo, obra de Xoán Braxe, sexa trasladado desde o emprazamento actual no barrio de Recimil ao centro da contigua Praza da Porta Nova, “lugar máis destacado e coincidente coa ubicación dos tráxicos sucesos que o motivan”.

“Aqueles acontecementos, que tiveron repercusión internacional, significaron un momento álxido, o máis importante na loita da clase obreira galega “organizada” contra a ditadura”, indican no Manifesto, que segue aberto a adhesións.

“Con esta conmemoración, e tendo como punto de partida a Memoria Histórica, pretendemos ir máis aló do mero exercicio de nostalxia. Como afirmou con acerto o filósofo Benedetto Croce “Toda a Historia é contemporánea. Ocupámonos do pasado porque ten que ver co que ocorre hoxe”: En momentos de fraxilidade dos dereitos máis básicos, de grandes desigualdades sociais, de desinformación, de moi graves complicidades coa corrupción, non está de máis o debate, a confrontación de ideas, o lembrar á sociedade o que é a “conciencia de clase” - especialmente á mocidade, semente de futuro - as virtudes sociais e os valores que inspiraron os sucesos que agora rememoramos pero, iso si, sen paternalismos, sen perder de vista o feito de que unha xeración non ensina a outra: ambas aprenden xuntas porque os nosos destinos están uns en mans doutros e unidos derrotaremos o intento de arrebatarnos as conquistas sociais”, sinala.

Data clave

“Daniel ía uns dous metros diante miña, co buzo debaixo do brazo. Recibe un tiro e cae dobrado, cara a atrás, diante miña”. Daniel é Daniel Niebla, un dos dous obreiros asasinados (o outro é Amador Rey) na represión policial do 10 de marzo de 1972 contra os traballadores de Bazán que se manifestaban en Ferrol. Quen lembra, Rafael Pillado Lista, dirixente na altura do PCE e CCOO. “En Ferrol había entón, e despois de moitos anos de construción, un movemento obreiro potente, forte e organizado”, sostén. Algo que o franquismo sabía ben e que lle preocupaba.

O responsábel dos servizos secretos franquistas, Coronel Sanmartín, recolle no seu informe El libro rojo de la subversión que entre as zonas perdidas para o réxime de Franco están as minas asturianas, o País Vasco e “Bazán e a Ría de Ferrol”. Pasou case medio século desde aquela.

O 10 de marzo está asentado no calendario de Galiza como o Día da Clase Obreira Galega, en homenaxe a aquelas loitas, aqueles operarios e aquela e esta clase

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios