Contracultura

José Manuel Fernández: "Luísa Villalta era do noso gremio, ten moita obra relacionada coa música, porque era música poeta"

José Manuel Fernández (Ourense, 1968) é o coordinador do equipo de dinamización lingüística no Conservatorio Superior de Música de Vigo e foi o encargado de organizar o concerto en homenaxe a Luísa Villalta polo Día das Letras Galegas no auditorio deste centro.
José Manuel Fernández é catedrático de repertorio con voz no Conservatorio Superior de Música de Vigo (Foto: Nós Diario).
photo_camera José Manuel Fernández é catedrático de repertorio con voz no Conservatorio Superior de Música de Vigo. (Foto: Nós Diario).

—Sendo Luísa Villalta violinista, como encararon este concerto?
Luísa Villalta ten moita obra relacionada coa música, porque ela era unha música poeta. É moi interesante tamén o que di Xurxo Souto nalgún dos documentais que se fixo sobre a figura de Villalta, porque el tamén ten esta visión de músico escritor e xornalista. Por iso tamén proxectamos algunhas destas declaracións no concerto. Evidentemente respectamos todas as persoas ás que a Academia dedica o Día das Letras Galegas e por iso levamos seis anos facendo estes concertos. Cada ano facemos un dedicado á persoa homenaxeada polo 17 de Maio, definiríao como poesía musicada. 

Con todo, o feito de que Luísa Villalta sexa do noso gremio fai que adquira un carácter máis especial. Neste caso en concreto quixemos facer unha primeira parte con proxeccións sobre a súa vida e obra intercaladas con música, que son composicións do noso alumnado e profesorado. Por outra parte, tamén contamos cun coro xuvenil, Son das Flores (Teis), para que fixeran tres pezas. Este é un proxecto de integración para crianzas estranxeiras con problemáticas familiares e económicas co que colaboramos habitualmente. 

De feito, a súa directora, Lidia Leal, é alumna nosa. Este ano, o especial que ten este concerto é que hai persoas que traballan no Conservatorio que tocaron con ela nalgún momento. Eu mesmo penso que coincidín nalgunha materia con ela cando estudaba, a pesar de que nunca tiven un contacto estreito con ela. 

—Cre que adquire outro carácter ao homenaxear unha persoa mentres aínda viven as persoas que a coñeceron?
Claro, ao final é unha persoa que podemos considerar próxima. Non é o mesmo que cando se trata dunha persoa da que escoitaches falar ou que coñeces a súa obra, mais da que non contas cun círculo próximo que poida falar dela. As persoas que a coñeceron e que tiveron relación con ela defínena como unha persoa moi achegada, moi agradábel e encantadora. 

—Como decidiron as pezas que se ían tocar e a organización do concerto?
A verdade é que dá moito traballo e require que colaboremos varios departamentos. Eu ademais de coordinar o departamento de dinamización lingüística son músico, polo que teño contacto con moitas persoas do Conservatorio. Así, vou sondando á xente para saber a quen lle interesa participar, quen ten composicións que podería tocar, quen quere traballar para facer a música sobre os poemas...

Non é que sexamos un centro moi numeroso, mais somos un grupo moi heteroxéneo e isto require un nivel de planificación. Isto non se monta nunha semana. E ademais esforzámonos moito por ofrecer concertos dunha calidade altísima, que ademais son gratuítos, algo que a min me parece que hai que pór en valor. 

—Como é colaborar co coro Son das Flores?
O máis complexo diría que é coordinarnos, porque require que varias persoas nos despracemos até alí, mover o noso espazo de traballo e demais. Queda todo compensado porque as crianzas que están alí son encantadoras. Na maior parte son estranxeiras, sobre todo de América e Asia ou países como Romanía ou Ucraína, polo que resulta tamén moi bonito escoitalas intentando falar comigo en galego. A coordinadora do equipo de dinamización lingüística do seu centro é tamén a que leva a orquestra, polo que tamén traballan moito cantando en galego.

Comentarios