José Díaz: "As viaxes sonoras de 'Os Andares' están pensadas para ser consumida en movemento"

José Díaz (A Coruña, 1976) fai parte, xunto con Iria Azevedo, da produtora Fósforo. A través dela, e da man de Marcos Carballido PTT, crearon o proxecto 'Os Andares', seis capítulos de viaxes sonoras escritos por diferentes dramaturgas que mesturan o documental e a ficción coas paisaxes dos Ancares.
Marcos PTT, José Díaz, María Lado, Avelina Pérez, Clara Gayo e Iria Azevedo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Marcos PTT, José Díaz, María Lado, Avelina Pérez, Clara Gayo e Iria Azevedo. (Foto: Nós Diario)

—Como xurdiu Os Andares?
Dedícome ao desenvolvemento de proxectos de xestión cultural e hai varios anos fixera un paseo emocional polo barrio de San Pedro (Santiago) con Marcos PTT e a xente de Galiza Emocional. Encantoume e a raíz del estiven dándolle voltas a como aproveitar ese formato que me parece tan interesante. Cando saíron as axudas Territorio Cultura, financiadas cos fondos Next Generation, resultou que había unha epígrafe específica para proxectos culturais no rural e vin unha oportunidade de poder crear algo que fose máis ambicioso.

Como na produtora Fósforo estamos Iria e eu e precisamente pola experiencia de Marcos nestes traballos e tamén por ser amigo acabamos por xuntarnos os tres para dar forma e deseño a todo o proxecto. Quixemos que cada capítulo da serie estivese escrito por unha dramaturga diferente, o cal lle outorga un interese artístico de por si, e que estiveran situados en concellos diferentes dos Ancares.

Así, alén de nós, tamén contamos coa colaboración de Clara Gayo, Avelina Pérez e María Lado para a escrita e de Aser Álvarez para a parte relativa á investigación 
documental. Basicamente, é como unha serie de Netflix, coa diferenza de que con cada capítulo tes que coller o coche e ir ao punto escollido para comezar as rutas. 

—Por que Os Ancares en concreto?
Porque cumpren todas as características que buscabamos nós e que se adaptan ao formato. A filosofía de Fósforo é facer traballos artísticos desde fóra da industria artística. Despois de tantos anos nos que fixen teatro para o circuíto escénico, audiovisual e demais, quería recuperar o contacto co territorio e coa cidadanía. Moitas veces, as persoas da arte estamos metidas nun círculo vicioso no que só nos consumimos entre nós, polo que para min era moi importante que os produtos que fixese a compañía tiveran un contacto e un vínculo coa sociedade.

Os Ancares é un sitio cun patrimonio natural incríbel, non ten unha gran cantidade de oferta cultural, cumpría os requisitos que puña a Unión Europea para as axudas... E, por suposto, é un lugar fermoso. Teno todo para permitir que a serie sexa diversa: vilas, espazos naturais e patrimonio histórico. A nivel de escenografía, pensando que cada capítulo é como unha película, é unha contorna espectacular.

—Ten esa parte de cinema, mais tamén se achega ás formas do teatro inmersivo, non si?
Completamente, mais aquí o performador é o propio público, cada persoa convértese en intérprete e público ao mesmo tempo. É unha experiencia moi chula porque case ningunha peza de arte está pensada para ser consumida en movemento. O teatro, o cine, a pintura... Todo está pensado para un público estático, mais neste caso traballar co movemento colócate nun estado mental e de reflexión moi distinto: de súpeto tes que subir unha costa, vén o vento ou acabas entrando nun túnel. Unha audioguía dun museo, por exemplo, só ten unha función divulgativa.

Neste caso hai divulgación, mais tamén é un proxecto artístico que traballa coas emocións. Cando entrevistamos todas as persoas das vilas, recollemos información, facemos entrevistas á xente de fóra ou compomos a música xa estamos pensando en que sexa unha viaxe emocional como cando vas ao teatro ou ao cine. Traballamos co terror, a comedia, a traxedia; emocións propias da literatura, o teatro e o cine. Con todo este material que recollemos escribimos unha dramaturxia seguindo un itinerario deseñado de maneira intencional. Se o pensamos como unha película, a cámara serían os ollos da persoa que fai a ruta. Son paseos que cambian porque están pensados para facelos cando se queira, independentemente das estacións ou da hora do día.

Comentarios