Jorge Fernández gaña o V Premio CGAC de investigación e ensaio

A caverna baleira preséntase como un exercicio de ensaio-ficción motivado polo descubrimento azaroso dun suposto Instituto de Arte Inexistente.
Jorge Fernández Gonzalo.
photo_camera Jorge Fernández Gonzalo.

Jorge Fernández Gonzalo vén de facerse co V Premio CGAC de investigación e ensaio polo traballo A caverna baleira. Catálogo de arte inmaterial, imposible e inexistente. A decisión foi adoptada por unanimidade polo xurado presidido polo director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), Santiago Olmo, e integrado polo escritor, filósofo e crítico de arte Ignacio Castro Rey, polo artista e profesor asociado da Facultade de Belas Artes de Pontevedra Suso Fandiño, pola comisaria e crítica de arte Chus Martínez Domínguez e pola coordinadora do departamento de publicacións do CGAC, Elena Expósito García. Todos valoraron especialmente a oportunidade e vixencia do tema tratado así como o enfoque multidisciplinar do traballo.

 

A arte inexistente

A caverna baleira preséntase como un exercicio de ensaio-ficción motivado polo descubrimento azaroso dun suposto Instituto de Arte Inexistente. A partir deste achado, o autor constrúe un texto que conduce a través dos diversos enfoques teóricos, categorizacións e xenealoxías aplicábeis á arte inexistente. 

A tal fin, revisa algunhas das liñas de contraprodución estética que marcaron o cuestionamento do obxecto artístico e propón un itinerario a través das obras de arte inexistentes e doutras cuxa existencia é cuestionada. Arte invisíbel, arte inmaterial, arte fake e arte non producida son balizas deste percorrido no que o autor declara abertamente a súa rebeldía fronte ao status hexemónico da arte negándose a si mesmo a condición de artista.

Poesía, filosofía e pensamento 

Jorge Fernández Gonzalo (Madrid, 1982) é doutor en Filoloxía Hispánica pola Universidade Complutense cunha tese sobre a poesía de Claudio Rodríguez. Á súa tarefa investigadora hai que engadirlle unha recoñecida traxectoria como poeta, con cinco poemarios publicados e premios como o Hiperión de poesía. 

Codirixe a publicación dixital Revista Neutral, especializada na obra e o pensamento de Maurice Blanchot, e publicou unha trintena de estudos sobre poesía, filosofía e pensamento en revistas especializadas. 

O Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea creouse en 2018 co obxectivo de promover a creación ensaística en lingua galega no ámbito das artes e a cultura contemporánea. Os textos premiados forman a nova colección CGAC Ensaio, na que xa se editaron os primeiros traballos galardoados. 

 

Comentarios