O Marco, o CGAC e a Cidade da Cultura estrean exposicións

A Cidade da Cultura, o Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco) e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) achegan novas exposicións. No Museo Centro Gaiás o público poderá ver máis de cen obras desde o século XVIII até a actualidade.
iArtistas participantes na exposición 'MARCO. Academia Roma. Processi 148' (Foto: Marco).
photo_camera iArtistas participantes na exposición 'MARCO. Academia Roma. Processi 148' (Foto: Marco).

Tres exposicións abren as súas portas ao público en tres espazos diferentes: a Cidade da Cultura, o Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco) e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

A maior delas é a mostra que Camiños creativos que se exhibe no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura coa idea de facer un percorrido pola relación entre arte e movemento desde o século XVIII até a actualidade. 

Nesta proposta poden verse obras asinadas por grandes mestres da pintura e da fotografía –como Turner, Constable, Courbet, Corot, Rousseau, Sorolla ou Cartier-Bresson– e referentes da creación máis actual: desde David Hockney a Julian Opie, Jeppe Hein ou Cristina Iglesias. Son máis de cen obras -moitas delas nunca antes exhibidas na Galiza- procedentes dunha trintena de museos e coleccións de oito países de Europa.

A mostra está comisariada pola conservadora do Holburne Museum en Bath (Reino Unido), a galega Monserrat Pis Marcos

Novas exposicións no Marco e no CGAC

O museo vigués, pola súa parte, celebra o seu 20º aniversario coa exposición Marco. Academia Roma. Processi 148, en coprodución coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e a Academia de España en Roma.

A mostra, comisariada por Enrique Bordes, reúne obras e proxectos de 21 artistas da promoción 2020-2021, residiron na sede da Academia de Roma.

 Por último, no CGAC abre as portas Camiños III, a continuación do proxecto comisariado a catro mans por Alberto Carton e Santiago Olmo, con trece artistas que mostran accións performativas en vídeo, cadernos e mapas, como fontes de información.

Comentarios