Javier Otero, primeiro galego que ofrece un concerto no ciclo de piano Ángel Brage

O pianista da Estrada pecha mañá cuarta feira esta edición do ciclo Ángel Brage que trae aos mellores pianistas do mundo ao Auditorio compostelán.

Javier-Otero-Neira-0
photo_camera Javier Otero Neira

Tenacidade e constancia para un pianista que conxuga precisión e unha técnica impecable cun carácter e un estilo que fusionan xuventude, frescura e vitalidade. Javier Otero Neira, pianista polifacético, cun repertorio misceláneo que abrangue todos os períodos da música para piano, convértese no primeiro galego en participar no ciclo de piano Ángel Brage. Será mañá, 4 de maio, ás 21.00 h no Auditorio de Galicia. Otero interpretará obras de F. Chopin, G. Fauré e S. Prokofiev.

Javier Otero Neira (1981) forma parte dunha xeración de pianistas con proxección internacional. A súa vocación musical comeza aos oito anos, idade na que inicia os seus estudos musicais no Conservatorio de Música de A Estrada (Pontevedra), o seu pobo natal. Formado cos pianistas Ángel González e Nicasio Gradaille, máis tarde trasládase ao Real Conservatorio Superior de Música de Madrid para cursar os seus estudos superiores coa catedrática Almudena Cano, coa que remata os seus estudos con Mención de Honra.

Aos 17 anos de idade debuta como concertista solista e pronto comeza a granxearse o recoñecemento ao seu talento por parte do público e dos xurados de diversos certames rexionais, nacionais e internacionais; primeiro premio do concurso “R C N de Vigo”, primeiro premio do concurso da Asociación Galega de Intérpretes de Música Clásica e o Primeiro Premio no Concurso de Piano Premio Blüthner (Alemaña), que lle otorgou un piano de cola e o nomeamento de “Blüthner Artist” e o segundo premio do concurso nacional de piano “Compositores de España” ademáis do premio “Gregorio Baudot” do Concurso Internacional de Piano “Cidade de Ferrol”.

É nesta etapa cando labra a súa propia personalidade como pianista, baseada nuns profundos coñecementos teóricos e un rigor interpretativo. Otero convírtese nun pianista polifacético, cun repertorio misceláneo que abrangue todos os períodos da música para piano e que dedica especial atención a compositores españois como José Luis Turina, Luis de Pablo e Antón García-Abril, con quen traballa a súa obra.

Considerado un dos valores en alza da música clásica galega, o seu compromiso exténdese á divulgación de obras de compositores galegos como Octavio Vázquez, Fernando Buide, Juan Durán, Andrés Gaos ou Marcial del Adalid, entre outros. Foi solista da Real Filharmonía de Galicia, coa que fixo unha xira por Galiza e coa Xoven Orquestra de Vigo, traballando con directores como Óliver Díaz, Diego García e Maximino Zumalave.

Os seus concertos no Instituto Cervantes de Toquio tiveron unha grande acollida polo público, dentro do seu proxecto da difusión da música de compositores galegos, tanto históricos como contemporáneos. Actuou en directo para Radio Clásica (RNE) e participou en gravacións para a Televisión de Croacia, Televisión Española (TVE) e Televisión de Galicia (TVG). Especialmente reseñable foi a súa actuación na Fundación March (Madrid) no marco do “Ano Liszt”, interpretación que lle reportou o recoñecemento da crítica e unha excelente acollida polo público.

Como músico de cámara colaborou con Wenzel Fuchs, Humberto Armas y Mikolaj Konopelski. Na súa discografía ten dous traballos, “Impromptus” (2014 - Schubert, Fauré y Chopin) e “Galician Folk Songs” (2015 - Octavio Vázquez, Daniel Ariño, Ana Silva, María Mendoza, Fernando Buide, Juan Durán) que xurdiu da creación do concurso “Galician Folk Songs” de composición de obras para piano inspiradas no folclore e na música popular galega.
 

Comentarios