Contracultura

Iván Villarmea: "O rururbano é o hexemónico, é interesante buscar a súa representación no cinema galego"

Iván Villarmea vén de ser recoñecido pola Academia Galega do Audiovisual co Premio María Luz Morales a Mellor ensaio escrito pola súa obra O campo de atrás: paisaxes rururbanas no cinema galego.

Iván Villarmea Álvarez - AGA.  Andrea Morandeira 1
photo_camera Iván Villarmea. (Foto: AGA)

—De onde vén o interese por estudar a representación do rururbano?
Hai 15 anos comecei a traballar os conceptos de rururbano no cinema galego cando eu estaba como bolseiro de terceiro ciclo. Daquela, a maioría de filmes dos que falo non estaban feitos, mais si que me serviu para ter esa base de conceptos teóricos. Desde ese momento fun investigando exemplos de representación do espazo e da paisaxe no cinema e tendo en conta a cantidade de ambientes rururbanos cos que contamos na Galiza tiña que falar nalgún momento deles.

Precisamente no cinema hai moi poucos exemplos destas paisaxes para a cantidade de espazos que temos. Como digo no texto, hai unha representación esaxerada da montaña e dun espazo rural idealizado, mais tamén o hai no caso do espazo das cidades, concretamente da Coruña. Non obstante, hai moitos espazos intermedios que non aparecen, mais que forman parte do cotián ou do que a xente ve habitualmente. Paréceme importante pensar neste recoñecemento que hai no audiovisual porque precisamente o rururbano é o hexemónico na fachada atlántica da península Ibérica, mais non nos grandes centros de produción audiovisual. Por iso é interesante buscar esta representación no cinema galego. 

—Por que cre que ten tan pouca representación?
Por unha cuestión de clase. O rururbano está desprestixiado socialmente porque non é un lugar onde quereríamos vivir. É onde vivimos porque é o que podemos pagar, onde vivimos por defecto. Tanto quen prefire o campo como quen prefire a cidade busca cousas que lle parecen atractivas, mais estas zonas de transición construídas como polígonos de vivendas non se consideran esteticamente fermosas. En xeral, até o de agora, os discursos que houbo sobre o rururbano expresan unha opinión negativa, por exemplo, cando facemos referencia ao feísmo ou, en textos académicos, a unha urbanización non consolidada. Son eufemismos que veñen dicir que a xente que vive aí non ten gusto, que é unha bruta. 

Tanto o cinema como a arquitectura son artes onde hai unha dimensión estética relevante. Se anulamos a variábel económica, un cineasta vai buscar unha localización que lle resulte harmónica ou fermosa segundo o que queira contar ou expresar, porque tamén hai que pensar que son imaxes que se len moi rápido, polo que é fundamental que o que está no fondo transmita de maneira clara e sinxela a mensaxe. 

No caso da arquitectura, os profesionais teñen as súas ideas do que é un espazo ben edificado e iso tamén acaba proxectando entre as persoas que opinan deste tema unha especie de complexo de superioridade que eleva certos espazos e que rexeita ou condena outros. O rururbano, a pesar de ser, como digo, o máis abundante na fachada atlántica ibérica, é un espazo que non está valorado nin apreciado. 

—Un dos aspectos que salientou o xurado foi a orixinalidade das fontes utilizadas.
Claro, ao ser un texto para un premio de ensaio pode mesturar un rexistro académico con outro máis literario ou coloquial. Nesta liña, moitas das fontes veñen da academia, mais os filmes que menciono tamén forman parte deste corpus. Os que menciono son de xéneros moi variados porque o único requisito que tiven en conta foi que tiveran algunha secuencia filmada nunha contorna rururbana. Por outra parte, emprego informacións de uso cotián, por exemplo as imaxes de Google StreetView, para ter esa representación dixital á que é fácil acceder e que non está mediada por unha variábel estética. 

Digamos que son imaxes que serven para contrapor as compostas por cineastas. E como dicía, tamén hai citas literarias, porque o rururbano é un concepto que está moi ben teorizado e tratado na nova narrativa galega. Sen ir máis lonxe, na novela Arrabaldo do norte de Xosé Luis Méndez Ferrín hai unha descrición perfecta do que é un barrio rururbano da cidade onde transcorre a novela nos anos 60. 

Comentarios