Israel poderá finalmente participar en Eurovisión, que vetou Rusia en 2022

A canción 'Hurricane', interpretada por Eden Golan, foi aprobada tras revisala o comité de supervisión de Eurovisión, que rexeitou a súa proposta inicial por considerala "política".
A cantante israelí Eden Golan interpretará 'Hurricane'.
photo_camera A cantante israelí Eden Golan interpretará 'Hurricane'.

A Unión Europea de Radiodifusión (UER) vén de confirmar á Corporación de Radiodifusión de Israel que o país poderá participar finalmente na edición deste ano do Festival de Eurovisión, que se celebrará na cidade sueca de Malmö o vindeiro 11 de maio. A canción Hurricane, interpretada por Eden Golan, foi aprobada tras revisala o comité de supervisión de Eurovisión.

Golan gravou a canción seleccionada esta mesma semana e a súa letra está baseada na melodía orixinal da canción October rain, que finalmente non obtivo o visto e prace para participar en Eurovisión por considerarse unha canción "política". A letra aludía á "choiva de outubro", no que moitas persoas consideraron unha evidente alusión aos ataques de Hamás que desencadearon a represión israelí sobre Gaza, con máis de 30.000 mortos até o momento.

O Consello da corporación pública israelí reuniuse de urxencia hai unhas semanas e decidiu non cambiar nin a letra nin a canción, "mesmo á conta de que Israel non participe en Eurovisión". Porén, finalmente avogaron por mudala.

Na competición que se celebrará en Malmö competirán representantes de 37 países. Excepto Armenia, Acerbaixán, Portugal e Suecia, todos os países participantes xa elixiron aos seus representantes. Non estará, porén, Rusia, cuxa participación foi vetada en 2022 por mor da guerra en Ucraína.

Comentarios