Exposición

A irreverente obra plástica de María Xosé Queizán

A escrita de María Xosé Queizán é ben recoñecida en novelas como 'A orella no buraco', 'A semellanza' ou 'Sentinela, alerta!', para alén das achegas noutros xéneros como a poesía e o ensaio. Porén, agora temos a oportunidade de descubrir outra face da autora que ten a ver coas artes plásticas. A exposición 'Materiais para pensar, gozar e profanar' está en Vigo, na sala Rosalía de Castro da sede da Deputación de Pontevedra até 29 de outubro
María Xosé Queizán (Imaxe: Santos Díez)
photo_camera María Xosé Queizán [Santos Díez].

María Xosé Queizán pon ao descuberto en Vigo unha das súas facetas máis descoñecidas. A exposición Materiais para pensar, gozar e profanar inaugurouse en setembro na sala Rosalía de Castro da sede da Deputación de Pontevedra na cidade olívica, onde estará dispoñíbel até finais do mes que comeza hoxe.

"É unha desas cousas que fas e non sabes por que", confesa en conversa con Nós Diario Queizán. "Púxenme a facer estes obxectos e gustoume, simplemente", explica.

A autora xa probara desde había tempo a súa habilidade coas mans en disciplinas como o bordado, con ou sen bastidor, e na ourivaría, da man do anarquista e ourive Mareque, profesor da Escola de Artes e Oficios, que lle ensinou a modular co buril o marfil ou darlle forma ao cobre. Aínda que agora retoma estas vías de traballo, "non é este o meu eido", di, "eu funciono coa palabra".

"Non é arte no senso dunha escultura", aclara María Xosé Queizán, "son conceptos, igual que toda a miña obra"

Así, a obra plástica da autora preséntase "non con fachenda artística, pero si como concepción do mundo", nunha irreverencia tan crúa como a propia realidade sobre a que, no fondo, propón reflexionar.

Queizán desprega un universo crítico e inconformista que avoga por unha arte que faga pensar, como xa anticipa o título. Nada é indiferente e non queda monicreque con cabeza. Desde as prácticas de imposición e ablación do clítoris aos abusos relixiosos, cada peza atende unha temática diferente.

Desde o conceptual

"Non é arte no senso dunha escultura", insiste en aclarar Queizán, "son conceptos, igual que toda a miña obra". Os obxectos funcionan xa que logo nese plano das ideas, elaborados desde distintos formatos e soportes.

Pode ser o debuxo dunha figura feminina sobre unha cadeira de brazos, ou a conformación das prendas interiores en obra artística, colocando un coulotte de encaixe no cadro ancorado polo texto como o da "avoa de Lolita de Navokov".

A autora emprega elementos do máis diverso, que collen as súas raíces do universo cotián. Os temas cambian en cada peza, desde a relixión -presente en imaxes da virxe-, a política -satirizada nunha colaxe das figuras de Mariano Raxoi, Luis Bárcenas e Soraya Sáenz de Santamaría-, o feminismo -transversal, mais especialmente tanxíbel, por exemplo, nunha reinterpretación de estilo Klimt da problemática dos ventres de aluguer...

O que os une é un espírito irreverente e combativo que ergue a ollada crítica sen temor, trazo que caracteriza tamén a obra literaria da autora. E é que o importante para ela, en contraposición co que asume como arte máis convencional, non é a beleza, senón o que estes materiais comunican.

E malia que a palabra aparece con frecuencia no interior das propias obras, xogando tamén un rol importante na construción do discurso, a súa intención é máis ben "dicir as cousas mediante fotografías ou outros elementos, de maneira plástica".

Mesmo nesa dimensión, a lingua xorde como "único corpo que me seduce e me pertence. O meu verdadeiro corpo material". Atopamos tamén figuras das letras, xa sexan da Galiza, como Ricardo Carvalho Calero, ou do panorama internacional, como Frida Kahlo.

Queizán expresa a idea de ser "fronteiriza" en todos os aspectos, desde o espacial, que a palabra denota no seu senso máis literal, até o cultural: "Síntome así porque non poño fronteiras ao resto da humanidade. A miña conciencia é universal, non me reclúo en nada".

A pegada das vangardas nun discurso propio

"A vangarda ve a arte no material", afirma Queizán no texto do catálogo da exposición. Ela séntese admiradora das vangardas, aínda que non encadraría como herdeiras deste movemento as composicións que asina na mostra. "Non pretendo facer dadaísmo ou algo así. É unha vangarda en si mesma", di.

O que si reivindica é certo pouso no seu traballo dunha idea que recolle de Nietzsche, unha concepción de que "a arte é arte para non ter que dicir a verdade". Ela sitúase fóra, porque se algo procuran as obras é precisamente protestar, ancoradas a esa realidade.

Un novo ensaio

Con todo, Queizán non abandona a vía da escrita. De facto, vén de saír do prelo o seu último ensaio con Xerais, unha obra curiosa na que a autora se achega ás vidas de tres recoñecidas figuras: Percy B. Shelley, Lenin e Rosa Luxemburg. Mais o singular da unión é o punto de conexión.

Que teñen en común estas tres iconas? Pois o feito de veren os seus corpos alterados logo da morte, tal como reflicte o título Despoxos e vísceras ilustres. Desta forma, a reflexión navega a través do mito e a percepción, polos poetas románticos ingleses, a política bolxevique en Rusia e a deriva do socialismo alemán.

Comentarios