CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Iron Maiden: a besta foi capturada viva

Coas entradas esgotadas para o seu único concerto no estado, que será o vindeiro 14 de xullo en Madrid, Iron Maiden vén de estrear o seu novo traballo: The Book Of Souls: Live Chapter, un directo gravado durante a xira do ano 2016 e que mostra a banda en todo o seu esplendor ao longo da xira.

Teño contado moitas veces que o primeiro disco que merquei de Iron Maiden foi Live After Death¸ un disco duplo ao vivo gravado na xira do Powerslave  e editado, se a memoria non me falla, en outubro de 1985. Nese directo, que rexistaba parte dos 4 concertos ofrecidos no Hammersmith de Londres en 1984 e os 4 concertos do Long Beach Arena, de California, un entendía por que Iron Maiden é a banda de heavy metal máis venerada de todo o planeta. Malia que despois viñeron máis traballos en directo como o a Real Live One, da xira do Fear of The Dark,  ou o Live At Donington, a gravación ao vivo que en calidade máis se achegaba a este mítico álbum foi o rexistado durante a xira do Seventh Son of a Seventh Son que levaba por título Maiden England. Incomprensiblemente, en 1989 este traballo foi só editado en vídeo e houbo que agardar até 1994 para ter unha versión en cd, pero na que non se incluían nin Can I Play With Madness?, nin Hallowed Be Thy Name. Ese disco tivo tanto suceso, que a banda realizou unha xira mundial baseada nese álbum que durou de 2012 a 2014.

Agora, en 2017 volven os Maiden, cun novo directo gravado na xira do 2016. Esta vez, non se limitaron a gravar nun só sitio, senón que os 15 temas do repertorio que compuñan esta xira foron rexistrados en diversos puntos ao longo de todo o planeta. Dende Australia a Inglaterra, foron 15 os espectáculos elixidos para ser inmortalizados neste plástico. Probabelmente os que estiveran no concerto que ofreceron ese ano Resurrection Fest resultaralles bastante familiar, malia que non foi incluída ningunha canción gravada en Viveiro. Fronte ao repertorio que desfrutamos aquí, achamos algunhas variación como que non está (outra vez) Hallowed By Thy Name  nin a espectacular Tears of a Clown

Este álbum marca ese novo ciclo que a banda abriu con The Book Of The Souls e que amosa unha banda sólida, que volve ás seus orixes de son e que ten a mesma simbiose cos seus fans en calquera parte do mundo na que toquen. O repertorio elixido fai que este plástico non sexa outra gravación en directo dos mesmos temas de sempre, senón que, como banda viva que é, engade novos temas continuamente aos seus directos e non precisa de tirar dos temas de hai décadas para facer un repertorio co que facer vibrar os asistentes. Obviamente clásicos como The Trooper, The Number of The Beast o Iron Maiden, non poden faltar, mais  -sacando The Number of The Beast, representado por dous temas- a banda extrae un corte por disco antigo e dálle prioridade ao The Book of Souls,  conseguindo transmitir a mensaxe dun combo actual.

Este disco non é o mellor disco ao vivo da banda, mais si que é un traballo imprescindíbel para tomarlle o pulso actual ao grupo. O que puidemos ver e escoitar nesta xira é o que se transmite no álbum, onde o traballo de estudo no son dos temas é mínimo, conseguindo un disco honesto canto á comparativa entre o escenario e disco. The Book of Souls: Live Chapter é o marcador perfecto para o inicio desta nova xira e deixa a todos á espera dun novo traballo de estudo que continúe na senda do The Book of Souls.  Creo sinceramente que tempos Iron Maiden por moitos anos, cousa que persoalmente considero unha boa nova. 

Video – Iron Maiden – Speed of Light https://youtu.be/aAsrFetnHzM

IRON MAIDEN NAS REDES

Web: www.ironmaiden.com

Facebook: https://www.facebook.com/ironmaiden

Twitter: @IronMaiden

LISTAXE DE TEMAS

  1. If Eternity Should Fail - Sydney, Australia
  2. Speed of Light - Cape Town, South Africa
  3. Wrathchild - Dublin, Ireland
  4. Children of the Damned - Montreal, Canada
  5. Death or Glory - Wroclaw, Poland
  6. The Red and the Black - Tokyo, Japan
  7. The Trooper - San Salvador, El Salvador
  8. Powerslave - Trieste, Italy
  9. The Great Unknown - Newcastle, UK
  10. The Book of Souls - Donington, UK
  11. Fear of the Dark - Fortaleza, Brazil
  12. Iron Maiden - Buenos Aires, Argentina
  13. Number of the Beast - Wacken, Germany
  14. Blood Brothers - Donington, UK
  15. Wasted Years - Rio de Janeiro, Brazil
  16.  

Comentarios