Gonzalo Constenla, director da EOI de Compostela

“A introdución do portugués é un proxecto de país”

Falamos con Gonzalo Constenla, director da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Compostela, que acolle máis de 5.000 alumnos e alumnas.
Gonzalo Constenla (1)
photo_camera Gonzalo Constenla.

Andan as escolas oficiais de idiomas en época de pre-matrículas (o prazo remata o 16, segunda feira). En Compostela, o director, Gonzalo Constenla, di que xa se poden apreciar algúns cambios na demanda. “Cada vez temos máis altas para o portugués e tamén para o galego. No caso da matrícula libre, o galego case compite de igual a igual co inglés… sucede que a preparación do Celga e os cursos de linguaxe administrativa están turrando da demanda”. 

Gonzalo Constenla (A Estrada, 1965) di que na EOI de Compostela o recurso máis escaso é o espazo físico para atender en condicións ao alumando. “As mestras e os mestres apañámonos cun despacho máis ou menos grande, pero hai cousas, unha biblioteca, unhas salas de audiovisuais… que requiren máis espazo”. Lembra que a EOI ten cinco extensións [Sar, Ordes, Negreira, Ribeira e Noia] e que acolle a uns 5.300 alumnas e alumnos, a cifra do curso pasado. As matrículas volven medrar desde hai tres anos.

Pasou a crise e baixaron as matrículas?
É certo que o pico veu xusto despois daqueles anos do principio da crise. Moita xente matriculouse para aprender un idioma, o inglés, pero tamén o alemán, que lle facilitara emigrar. Moita xente marchou e outra foi conseguindo traballo. En canto a matrículas, volvemos ao nivel pre-crise. É unha tendencia. 

Mais hai linguas que renovan o tirón…
Co portugués pasa que funciona ben porque para nós é unha lingua ambiental, o mesmo que o galego e o español. Pódese cursar máis rápido e iso anima á xente. Tamén, a introdución de titulación nos niveis C1 e C2.

Que necesidades materiais e de persoal teñen na EOI de Compostela?
Desde 2009 vaise mantendo o persoal. Houbo oposicións e consolidáronse todas as prazas. Hai estabilidade. Gustaríamos de incorporar novos idiomas, como o chinés ou o xaponés, que están a ter gran demanda nas cidades. Pero a principal eiva é o espazo. Tivemos que reconverter o salón de actos e algúns laboratorios en aulas. Estamos cheos de nove e media a dez da noite. E iso que temos eses centros de extensión que agrupan a uns setecentos alumnos e alumnas.

Precisan dun novo centro?
Precisamos, primeiro, unificar todo nun mesmo centro. E, despois, ampliar, si. Espazo. Non se está a cumprir a normativa de equipamentos. No 2001 acondicionouse o centro, despois Educación, a consellería, orzamentou unha ampliación, mesmo viñeron os arquitectos. O Concello de Santiago cedera unha parcela. Pero ao final resultou que non había cartos. A crise…

Como vai a introdución do portugués no sistema educativo do país?
A verdade é que non teño datos concretos para valorar iso. Pero a Lei Paz Andrade é positiva. Todos os pasos son positivos. Penso que no Parlamento hai unha comisión para seguila súa implantación… Agora acaban de convocar 7 prazas no ensino secundario. Non sei. Resúltame difícil valorar a situación como cidadán. Penso que a introdución do portugués é un proxecto de país. Existe unha demanda crecente. Por que? Pois porque a simpatía é crecente.

Gnzalo Constenla (2)Por simpatía?
Si. Penso que para moitas galegas e galegos era unha necesidade latente. Portugal sempre foi unha referencia. Antes Portugal como país parecía que significaba pouco. Pero hoxe está ben presente no escenario internacional. E iso vémolo reflectido no interese que esperta a lingua e a cultura portuguesas. Para nós é unha lingua central. Iso é evidente.

O proxecto aRitmar, do que vostede fai parte, é produto tamén desa simpatía?
Estamos moi satisfeitos de ter conseguido a colaboración das institución. E ten aceptación, claro. Foi unha aposta do departamento de galego-portugués desta Escola. Pensamos que no campo cultural queda moito por traballar. Na música e na poesía, por exemplo. Había que dar a coñecer aquí outra música portuguesa, tamén pop e rock, non só o fado. Respecto da poesía, pois Galiza é agora mesmo unha potencia emerxente… mesmo por riba de Portugal en canto a produción. O aRitmar serve para mellorar moitas cousas, incluído a competencia lingüística en galego e en portugués. Tamén para evitar que o galego introduza estruturas foráneas, porque hai un subsistema lingüístico e podemos collelas do portugués. O efecto que produce estudar portugués e que o galego que escribimos e falamos sexa mellor. Ben, tiñamos ese público, e ese público precisaba expandir a oferta cultural, escasa, en portugués. E alí, o mesmo. Digamos que é un labor de normalización de relacións culturais, e xa se están producindo parcerías: Guadi coa Quinta do Bill…

Que espazo ocupa aRitmar nesa normalización?
Somos unha de moitas iniciativas. Existe a Rede da Galilusofonía, con asociacións, concellos, festivais, compañías de teatro, a Mesa… Traballamos na mesma dirección: a do encontro.
 

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios