Premio das Letras do Ministerio de Cultura

As incursións galegas dos libros de Bernardo Atxaga

O chamado Premio Nacional das Letras do Ministerio de Cultura  nunca premiara un autor en euskera. Instituído en 1984, nese ano e en 2002 decorreron as dúas únicas edicións en que distinguiu autores monolingües nun idioma estatal diferente do castelán: o poeta Josep Vicenç Foix e o narrador e tamén poeta Joan Perucho, ambos os dous cataláns. O ministerio tampouco nunca premiou un escritor ou escritora en galego e só en 2019 fíxoo cun en euskera: Bernardo Atxaga (Asteasu, Guipúscoa, 1951).
ramón nicolás e bernardo atxaga en pontevedra, foto kalandraka 2
photo_camera O escritor Bernardo Atxaga (dereita) e o seu tradutor ao galego Ramón Nicolás en Pontevedra. Foto: Kalandraka.

Popular no País Vasco e máis alá, Atxaga é un dos novelistas e poetas máis traducidos da súa literatura. Tamén ao galego, lingua que comezou a recibir as súas obras en 2004, cando Xerais publicou O fillo do acordeonista (Soinujolearen semea, 2003). O crítico Ramón Nicolás realizou o traballo desde a versión castelá do mesmo autor. Ao ano seguinte, 2005, Galaxia encargouse de Dúas letters (Bi letter jaso nituen oso denbora gutxian, 1984), co mesmo proceso tradutor pero a cargo de Leandro García Bugarín.

A obra talvez máis emblemática de Atxaga, os relatos encadeados, atávicos e modernistas, de Obabakoak (1988), tamén conta con tradución ao galego, novamente de Ramón Nicolás. Saiu do prelo de Faktoría K en 2008. A mesma editorial publicou, un ano despois, o da súa saída en vasco, Sete casas en Francia (Zazpi etxe Frantzian).

Faktoría K é ademais responsábel da única mostra en galego da poesía de Atxaga, un autor que se converteu en central nas letras do seu país xustamente como poeta. Das composicións de Etiopia (1978) e libros posteriores naceron innúmeras cancións. Algunhas aparecen recollidas en Alén da fronteira. Sete poetas vascos (2012), desta volta directamente vertidas do euskera polo tradutor e escritor Isaac Xubín.

Comentarios