Illa Bufarda e Mala Herba Producións gañan o IX Premio Begoña Caamaño

As dúas candidaturas, das seis que concorreron ao certame, foron premiadas por unanimidade. 
O xurado do Premio Begoña Caamaño. (Foto: Nós Diario)
O xurado do Premio Begoña Caamaño. (Foto: Nós Diario)

A produtora creativa galega Illa Bufarda, na modalidade de traxectoria, e a cooperativa xuvenil Mala herba Producións, na modalidade de iniciativa, son as propostas gañadoras, por unanimidade, do IX Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero, convocado pola Deputación da Coruña. 

A deputada de Cultura, Natividade González, presidiu o xurado, formado por Alexandre Garrido López, Beatriz Maceda, Carme Fernández Pérez-Sanjulián, Antares Pérez García-Zabarte e o director de Nós Diario, Alberte Mera. Como secretaria actuou Manuela Muñiz Souto, xefa do servizo provincial de Acción Social, Cultural e Deportes. 

De Illa Bufarda, o xurado o xurado destacou “a súa produción audiovisual, que mestura o ensaio coa fotografía dende unha permanente e poliédrica ollada feminista”, así como o seu “compromiso coa lingua galega e co rescate da memoria das mulleres galegas, tanto traballadoras como creadoras”.

Para premiar a Mala Herba Producións, o xurado tivo en conta "que a cuestión da igualdade de xénero e LGTBI sexa a base do seu traballo de xeito  transversal e central na defensa da igualdade de xénero e dos dereitos LGTBI. O comité valorou tamén “a súa aposta pola formación, pola visibilización do talento feminino no sector audiovisual e pola cultura como ferramenta de transformación social”.

Non é a primeira vez que estas dúas entidades reciben premios da Deputación da Coruña. Nos galardóns Luísa Villalta a proxectos pola igualdade, Illa Bufarda foi distinguida por S.E.X. Moito máis que unha serie sobre sexualidade (2018) e Altas luces (2024), mentres que Mala Herba Producións resultou gañadora este mesmo ano co proxecto A clase.

Comentarios