Contracultura

Illa Bufarda: "Co lema 'Auga miúda, vendaval que dura' festexamos estes dez anos de Illa Bufarda"

Sabela Iglesias, Adriana P. Villanueva e Pilar Abades falan dos dez anos de Illa Bufarda, a produtora creativa que está detrás de longametraxes como Negro púrpura, que relata a historia do dentón na Galiza do século XX. As tres creadoras falan da evolución e mudanzas no proxecto, así como do seu futuro, xa que, como di Iglesias, “dez anos é moito tempo”.

Sabela Iglesias, Adriana P. Villanueva e Pilar Abades son as integrantes de Illa Bufarda.
photo_camera Sabela Iglesias, Adriana P. Villanueva e Pilar Abades son as integrantes de Illa Bufarda.

—Cal é a lectura tras dez anos de Illa Bufarda?
Pilar Abades: Eu son a que leva menos tempo, xa que entrei no proxecto en 2019. Para min este aniversario foi un motivo de celebración porque xa asistira a outros como fan e admiradora do proxecto, tendo unha perspectiva externa. Entón, por unha banda chegar até aquí é grazas ao traballo constante, creativo e con talento e, por outra, para min tamén é celebrar que eu estea con elas e oxalá poder cumprir máis anos.

Adriana P. Villanueva: O camiño foi moi enriquecedor a todos os niveis. Aínda que medramos profesionalmente, a Illa tamén nos permitiu medrar como persoas. Tamén houbo momentos complicados, sobre todo ao comezo, porque hai moita incerteza. Falar de proxectos a anos vista, ou inclusive a un mes vista, era imposíbel. Nestes momentos, se miramos cun pouco de perspectiva cara a atrás, vemos que hai cousas que melloraron moito e que nos dan esa seguridade. Ademais, na festa que fixemos na Gentalha do Pichel para celebrar estes dez anos levamos o lema que temos para este ano no proxecto: auga miúda, vendaval que dura. Foi un xeito de festexar esta década como un método de traballo, unha filosofía e tamén un desexo de futuro.

—Tamén mudou o panorama audiovisual?
Sabela Iglesias: Máis que o panorama diría que mudamos nós. Sempre dicimos que somos unha empresa que naceu en plena crise. Na carreira de audiovisuais dicían que iamos ter moito traballo e logo realmente non houbo tal. Nós decidimos emprender, aínda que é unha palabra que non nos encanta, porque a xente que estudou con nós traballaba doutras cousas ou emigraba, e nós queriamos traballar do noso e aquí.

Foi unha aposta moi consciente a partir da cal comezamos a aprender como coller proxectos nos que traballar, a facer cousas que ao público lle gustaran e que seguiran contando connosco. Penso que o panorama a día de hoxe non mellorou nin a nivel social nin tampouco audiovisual. Ao longo dos anos tamén fixemos unha carteira de clientes, así que non é como comezar de cero. Con todo, a incerteza da que falaba Adri vainos acompañar toda a vida e o exemplo máis claro témolo coa pandemia: nunca sabes que vai pasar.

A.P.V.: Ao madurar e ir facendo anos tamén tes outras esixencias. Colócaste nun punto diferente e iso tamén che dá unha nova perspectiva. Na Illa intentamos facernos preguntas sobre os proxectos: que implica, que queremos, que necesitamos; e a partir de aí actuamos. 

—O seu filme 'Negro púrpura' fai un ano.
S.I.: Foi un proxecto que tiñamos moitas ganas de sacar adiante, un proceso moi bonito para nós porque quedamos moi contentas co resultado e tivo moitas proxeccións tanto aquí como fóra e aínda segue vivo.

P.A.: Agora o está distribuíndo Begin Again Films e aínda temos varias proxeccións á vista que ademais vanse actualizando e poden consultarse na páxina web. 

—Cales son os plans para o futuro?
S.I.: Nos próximos dous anos pensamos en comezar algún proxecto propio e a nosa axenda dos próximos meses xa está cargada de traballo con outros clientes. Hai moitas cousas que queremos facer, mais hai que sacar ocos para producir e buscar financiamento. Tamén, agora que nos demos a coñecer e a xente sabe cales é a nosa filosofía facilita que cheguen proxectos sensíbeis coa lingua e con cuestións sociais e de xénero. Penso que o plan é reafirmarse nesta liña e agardar que en dez ou vinte anos sigamos estando nesta óptica.

A.P.V.: Ademais de que os proxectos que chegan encaixan moi ben con nós, tamén imos aprendendo, non só a nivel técnico e creativo, senón tamén cos propios temas dos proxectos. Gústanos ser multidisciplinares e agradecemos non estar sempre nos mesmos procesos.

Comentarios