O IGADI deita a mirada sobre os nexos da Coruña co mundo

O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional organiza unha gala para construír un espazo mixto entre o espectáculo e a reflexión sobre os fluxos globais que conectan A Coruña co mundo do S.XXI.
Mercedes Peón fechará as actuacións do sábado.
photo_camera Mercedes Peón fechará as actuacións do sábado.

A vindeira cuarta feira, 20 de decembro, ás 20.30 horas, terá lugar no cine da Domus a Gala A Coruña Global organizada polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi). Esta gala supón a III edición do Foro A Coruña Global, que muda o seu formato para construír un espazo mixto entre o espectáculo e a reflexión sobre os fluxos globais que conectan A Coruña co mundo do S.XXI.

O seu obxectivo, segundo informou o instituto, é pór en valor e deitar unha mirada colectiva sobre as conexións da Coruña co resto do mundo, da economía á cultura e o coñecemento, da ciencia e a moda ás diásporas ou a lingua.

A gala contará coa música de Mercedes Peón, Ocre e Pava (Lucía Aldao) xunto a participación de convidadas e convidados sorpresa, tanto de maneira presencial como por medio de conexións en liña. Tamén servirá para presentar a versión app-web do Mapa da Coruña Global producido durante o ano 2022 polo Igadi co apoio do Concello da Coruña.

As actividades fan parte do camiño aberto polo documento de Bases de Acción Exterior (2018) e a declaración institucional "A Coruña global no mundo do S.XXI" (2019) para reforzar a imaxe internacional e a acción exterior da cidade.

Sobre o Igadi

O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) é un think tank independente que nace en 1991 cun dobre propósito: reflexionar sobre os problemas e tendencias da sociedade internacional contemporánea e pular por unha maior inserción da Galiza no mundo a todos os niveis. 

O IGADI definiu proxectos como a redacción do primeiro Libro Branco da Acción Exterior da Galiza, a revista Tempo Exterior, ou o Observatorio Galego da Lusofonía, entre outros.

Comentarios