Contracultura

Iago Gordillo (Recuncho Gamer): "Queremos romper barreiras sobre os videoxogos con figuras como Grande Amore ou Pili Pampín"

Iago Gordillo (Carral, 1986) é o creador detrás de Recuncho Gamer, polo que vén de ser recoñecido co premio Youtubeira. Gordillo aborda a creación de contido en redes sociais, a profesionalización e os próximos pasos do proxecto.
Detrás de Recuncho Gamer atópase Iago Gordillo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Detrás de Recuncho Gamer atópase Iago Gordillo. (Foto: Nós Diario)

—Que significa para Reuncho Gamer recibir este premio?
Síntoo como un premio á constancia. Youtube, en particular e na esfera galegofalante, faise un pouco máis seco se comparamos con outras redes sociais. É máis difícil ter interacción coa xente, mentres que en Instagram ou en Tiktok tes unha resposta máis inmediata, quizais porque o contido tamén o é. Neste sentido o premio tamén é unha axuda, porque entendo que é máis difícil desenvolverse en Youtube, sendo complicado en todas as redes porque as súas plataformas non están a favor do contido en galego.

—Cales son os próximos pasos do proxecto?
Desde este curso estamos facendo unha aposta aínda maior. Queremos ver como responde a xente ás distintas iniciativas ou lugares aos que poidamos levar o proxecto. Vimos de anunciar un formato coa TVG e iremos petando noutras portas, ben para atopar patrocinios ou ben en entidades que lles poida interesar un contido relacionado co seu ámbito. Para completar estas vías de financiamento tamén lanzamos o micromecenado, con Patreon, onde as persoas que queiran, dentro das súas posibilidades, poden contribuír. Esta parte é un pouco máis complicada porque non temos tan instaurada a cultura de pagar por contido da rede, mais a nós sérvenos para recibir un apoio e poder seguir adiante co proxecto.

Nesta liña de facer unha aposta maior, tamén estamos sacando unha pequena mostra de ideas que estaban aparcadas desde hai un tempo, como entrevistas combinadas con partidas a distintos videoxogos con xente da cultura, artistas musicais e representantes de distintos partidos políticos. A idea é romper barreiras a través de figuras como Grande Amore ou Pili Pampín, que ela mesma dicía que non sabía nada de videoxogos, pero encántalle o Candy Crush.

—Cre que profesionalizar a creación de contidos é complicado?
Tamén se pode transformar. Por exemplo, o caso de Toxío. Seguen tendo a súa canle, mais a partir de aí tamén diversifican ofrecendo servizos audiovisuais a outros proxectos. É un escaparate. Con todo, si que é certo que quizais noutras linguas, polo volume de xente á que acabas chegando, é máis doado profesionalizarse e monetizar os contidos.

E non me refiro tanto á xente á que lle interese o contido, porque eu creo que hai moita xente non galegofalante á que lle poden interesar estes contidos, mais como non hai as ferramentas para adaptalo, como o subtitulado automático noutras linguas, é máis difícil chegar. Aínda así, nos últimos anos hai cada vez máis proxectos que teñen esta idea de profesionalizarse. O que fai falta é o acompañamento da audiencia e das institucións.

—Falaba do Candy Crush e de romper estereotipos. Hai xerarquías dentro do mundo gamer?
Gamer é unha palabra con connotacións negativas, asociada a ideas como a caverna, un grupo de homes con masculinidades tóxicas, violentos verbalmente... A nosa idea é reformulalo e ofrecer outro tipo de contidos e falando de todo tipo de xogos. No que respecta a xogos como o Call of Duty ou o Fifa practicamente non falamos porque non nos interesa e porque xa é algo demasiado representado.

Eu estou moi contento coas compañeiras que teño no podcast, Rita Calvo, Sara Gurdiel, Ángela Triana, Lara Portela e Jon Amil, porque vimos cada unha de distintos sitios e levamos xogos que non coñece case ningunha.

Comentarios