O humorista gráfico Luís Davila recibe o Premio Trasalba

É a primeira vez que un humorista gráfico recibe o galardón.
Davila recollendo o premio de Miguel Santalices. Ao fondo, o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes.
photo_camera Davila recollendo o premio de Miguel Santalices. Ao fondo, o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes.

O ilustrador, viñetista e pintor Luis Davila recibiu o premio Trasalba no pazo que foi fogar de Ramón Otero Pedraio, en Amoeiro. A Fundación Otero Pedraio quere recoñecer así o labor deste viñetista e deseñador gráfico" pola súa implicación coa defensa da nosa lingua e a nosa cultura a través do humor e dunhas mensaxes moi próximas á sociedade galega, un referente", din, "na reivindicación sociolingüística".

Na acta do acordo, destácase ademais a calidade do humor gráfico e a popularidade das viñetas de Davila que, consideran, transmiten "un compromiso e unha modernidade que, pensamos, sería moi do gusto de don Ramón".

O premio a Davila significa a primeira ocasión en que recibe o premio Trasalba un humorista gráfico.

Davila é coñecido,especialmente, polas súas viñetas de "O Bichero", de gran difusión na prensa e nas redes sociais galegas, aínda que tamén é pintor, deseñador e mesmo participa en espectáculos escénicos compartidos con Carlos Blanco,que lle permiten proxectar nunha pantalla os debuxos realizados ao vivo.

O acto foi presentado polo humorista Carlos Blanco, que tamén se encargou de pronunciar a laudatio, na Casa Museo do citado escritor ourensán, nunha xornada na que houbo tamén actuacións musicais, presentacións de libros e un xantar. O galardón foille entregado en man polo presidente do Parlamento de Galiza, Miguel Santalices.

 

Davila, visiblemente emocionado, agradeceu o "Ramonciño", a estatua de Don Ramón, obra do escultor ourensán Manuel Buciños, que se entrega como galardón. Davila puxo en valor o humor gráfico galego e recoñeceu a honra de recoller o galardón da Fundación Otero Pedraio: "Nunca imaxinei recibir un premio así polo meu traballo", dixo. 

Como é habitual nestes galardóns, a Fundación Otero Pedraio editou  un libro que o homenaxeado descubrirá na entrega do premio.  Unha cronobiografía, o texto da laudatio e outros artigos e achegas completan o título Luís Davila Malvido. Un xeito de estar no mundo, que se porá á venda con posterioridade á celebración.

O Premio Trasalba, de carácter honorífico, concédese desde o ano 1983. O primeiro galardoado foi Xaquín Lorenzo Xocas, historiador ourensán. O último premiado, no ano 2022, foi o escritor, político e economista Carlos Mella Villar nado en O Foxo (A Estrada). Nun primeiro momento, a razón do premio era a vinculación, directa ou indirecta, coa figura de Otero Pedraio. Progresivamente foi evolucionando cara a un personaxe referente na cultura galega. 

Comentarios