Máis

É hora do Son Rías Baixas

A mestura de ritmos volve á comarca do Morrazo.
Mariagrep, Kimberley Tell e Dani Costas compoñen o explosivo trío de picadiscos The Cool Nenas.
photo_camera Mariagrep, Kimberley Tell e Dani Costas compoñen o explosivo trío de picadiscos The Cool Nenas.

O Son Rías Baixas dará comezo esta quinta feira en Bueu nunha primeira xornada cargada do punk dos irreverentes Lendakaris Muertos (Euskal Herria) e dos reivindicativos Boikot (Madrid). Tamén estará presente o rap con Santa Salut (Catalunya), o pop alternativo con Samuraï (Madrid), o rock con 30s40s50s (Catalunya e Madrid) e o ska con ETS (Euskal Herria).

A segunda xornada, a da sexta feira, terá como protagonistas os rapeiros madrileños Natos y Waor, a fusión da cantante catalá Queralt Lahoz (Santa Coloma de Gramanet) e os ritmos urbanos dos tamén cataláns Muyayo Rif (Cornellá de Llobregat). Tamén se poderá escoitar os madrileños Tremenda Jauría coa súa mestura de estilos, a voz con tinguiduras de soul da barcelonesa Lia Kali e a mestizaxe da banda con base en Madrid La Ganga Calé. Finalmente, a xornada fechará coa actitude incombustíbel e os temas que pincharán The Cool Nenas (Galiza e Canarias).

O post-punk con tinguiduras electrónicas e roqueiras do galego Grande Amore será un dos pratos fortes da noite do sábado. Así mesmo, a pista gozará da parella de moda na Galiza, pois Ortiga e Pili Pampín farán bailar a Bueu. A presenza galega estará reforzada pola icónica banda Lamatumbá co seu estilo festeiro e polas melodías suaves e a poesía de Lamontagne & Picoamperio.

A rumba dos cataláns La Pegatina será unha das cabezas de cartel do sábado, xunto ás mesturas latinas do barcelonés Macaco e ao dub rock dos bosníacos Dubioza Kolektiv. Completarán a última noite do festival a neo-folclórica María de Juan, o indie rock dos Arde Bogotá (Murcia) e unha sesión musical de Ninhodelosrecaos (alter ego do líder de La Pegatina, Rubén Sierra).

Comentarios