xoves 28.05.2020

Historia da literatura galega, unha obra fundacional

En case novecentas páxinas, Ricardo Carvalho Calero ofrecía en 1963 unha sistematización da nosa historia literaria en que sentaba as bases dos posteriores estudos e estabelecía un criterio fundamental: literatura galega é a que está escrita na nosa lingua. 

Carvalho Calero
Carvalho Calero

"Xa nas primeiras catro liñas estabelece que literatura galega é a que está escrita en galego. Para el era o criterio máis sólido. Consideraba que o criterio filolóxico é o máis científico", di Aurora Marco, discípula de Carvalho Calero, con quen traballou durante anos na Universidade de Santiago.

Coincide con Pilar García Negro, tamén alumna súa, á hora de considerar a Historia da Literatura Galega Contemporánea (HLGC) como un volume de gran rigor científico, sobre o que se asentan os estudos literarios posteriores. Malia que se omita as referencias, sinalan tanto unha como a outra.

A clave da relevancia da investigación de Carvalho reside, segundo Aurora Marco, en ser unha "historia con perspectiva galega, que alía o criterio científico co nacionalismo e que incorpora as novas teorías literarias, cun grande eclecticismo na metodoloxía".

"Dicía que tratara a literatura galega como se fose a grega, co mesmo rigor e con distancia. Entusiasmo e frialdade dicía, citando a Ortega", lembra a discípula que sabe do traballo que a obra lle supuxo ao profesor, os máis de cinco anos facendo papeletas, aproveitando papeis xa impresos que el cortaba en catro para facer fichas e reutilizar pola parte de atrás. "Só se entende este traballo ao estar guiado pola entrega e o amor a Galiza", defende para, a seguir, lamentar a súa falta de recoñecemento.

"Trátase da primeira historia da literatura galega científica, elaborada a partir dun traballo de campo enorme e moi alimentada da sabedoría particular do seu autor", valora García Negro. Rigor e paixón atopa nun traballo no que destaca a vontade de situar a literatura galega contemporánea á altura que merece, facendo fincapé nas noventa páxinas dedicadas a Rosalía de Castro como inauguradora da modernidade galega. Unha obra que, ao seu ver, "non ten parangón con historias doutras literaturas, incluída a española".

Para a profesora da Universidade de Gales, Helena Miguélez, trátase dun "texto clave para entendermos a historia cultural galega no século XX e aínda hoxe. Por ter sido a primeira historia literaria galega escrita integramente en galego e incluír unha reflexión teórica do autor sobre o criterio lingüístico para a definición de literatura galega, ten sido estudada constantemente como un texto de carácter fundacional, hoxe aínda non superado". Engade tamén que "a reificación da importante función política do 'criterio lingüístico' teorizado por Carvalho ten levado a certos enganos metodolóxicos que entramparon o avanzo do coñecemento da historia cultural galega, o seu carácter relacional, discursivo e complexo".

Unha manda non  escrita do nacionalismo

Que a dimensión da tarefa dá idea do compromiso co país e da xenerosidade de Ricardo Carvalho Calero é afirmación na que tamén coinciden Aurora Marco e Pilar García Negro. "O libro foi encargado por Galaxia no ano 58 cando estaba traballando en Fingoi de mañá á noite. Que Fernández del Riego lle mandara materiais, como se recolle no seu epistolario, non significa que houbera maior participación na elaboración da obra. Carvalho Calero é o único e exclusivo autor", di Aurora Marco diante de voces que falan dunha autoría colectiva da inxente obra.

Porén, ao respecto, a profesora Heléna Miguélez fala da necesidade dun "estudo pormenorizado do texto como evento sociolóxico" Neste sentido -di- o estudo da correspondencia entre o autor e o seu grupo intelectual durante os sesenta e setenta revela até que punto a HLGC foi froito dun labor de colaboración. O propio Carvalho, nunha carta a Fernández del Riego, relata como a súa dona, María Ignacia Ramos, lía os libros que el non tiña tempo de ler e redactáballe as fichas" apunta pola súa parte.

"Dicir que a autoría é compartida polo feito de que Fernández del Riego lle enviara materiais non deixa de ser unha insidia. É unha obra absolutamente individual e, é máis, era a única persoa da súa xeración con capacidade para podela facer. Está a cumprir unha manda non escrita do nacionalismo galego de preguerra que decidiu non lle negar á cultura galega a cobertura de ningunha necesidade" afirma García Negro que sitúa a Historia da Literatura en correlación coa Historia de Galicia de Otero Pedrayo, cos traballos de Castelao ou, en fin, co labor do Seminario de Estudos Galegos do que foi secretario.

Este texto de Carme Vidal foi publicado  no número 68 de Sermos Galiza.

comentarios