Helena Villar recibe o sábado en Rianxo unha homenaxe da AELG

A escritora recebe o 25 de xuño en Rianxo, onde vive, a vixésimo segunda edición da Homenaxe A Escritora na súa Terra-Letra E, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), o que a convirte en socia de honra deste colectivo. 

helenavillar
photo_camera Helena Villar [Autor: Santos Díez (Ollo de Vidro-ACAB)]

A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega en 2016 á súa vixésimo segunda edición recaendo na figura de Helena Villar Janeiro, que será homenaxeada no Concello de Rianxo, a terra que ela elixiu para vivir os solpores da ría de Arousa.

Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de dúas décadas como unha celebración na que a terra de orixe ou adopción do homenaxeado/a cobra un protagonismo fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as  procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe. Unha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica de Caxigueiro), a plantación dunha árbore simbólica (un loureiro elixido pola propia autora) e a colocación dun monólito conmemorativo.

No acto descubrirán un monólito conmemorativo e plantarán un loureiro (árbore simbólica da escritora), ademais das intervencións do alcalde de Rianxo e de representantes da AELG, xunto coa laudatio de Marica Campo e do propio relatorio da homenaxeada. 

Rianxo, terra de acollida

Helena Villar Janeiro (Becerreá, 1940) leva vivindo 23 anos nesta vila mariñeira. Tal e como nos contaba nunha entrevista no semanario, nela recoñecía que Rianxo “hoxe é a miña terra, aínda que eu curiosamente non quero quedar enterrada alí, pero vivir, si. É unha terra que por outra banda, ten unha tradición literaria fortísima, sabe o que é un escritor/a e fáltalle unha escritora. Tamén tiven un pouquiño en conta que o que eles me sacan, fundamentalmente os catro que admiro, Dieste, Castelao, Manuel Antonio e Faustino Rey Romero. Francamente dáme moitísima vergoña poñerme ao lado deles como escritora, pero creo que tamén cubro unha eiva como muller”. 

Nela tamén nos explicaba por que elixiu un loureiro: “é unha árbore moi de alí. Temos en fronte na illa de Cortegada o louredal máis bonito de Europa, porque é unha árbore que ten moitas connotacións en toda a miña vida, tamén é unha árbore sagrada na miña terra, onde non hai oliveiras, entón a xente levabamos unha ponla de loureiro, e logo porque é unha árbore gastronómica e eu dedico moitas páxinas á gastronomía, mesmo déronme o premio Picadillo do Foro da Coruña en 2014”. 

Comentarios