CONTRACULTURA

Helena Miguélez: "Queremos fuxir dos textos escritos de maneira opaca ou que non teñan unha tese crítica"

Helena Miguélez, filóloga e unha das impulsoras do Espaço Clara Corbelhe, aborda a publicación do primeiro anuario desta revista así como o percorrido xeral do proxecto nos dous primeiros anos de vida
A filóloga Helena Miguélez. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A filóloga Helena Miguélez. (Foto: Nós Diario)

Por que decidiron publicar este primeiro anuario?

Xa desde os inicios do proxecto mantivemos unha liña de traballo que é a publicación dun artigo relacionado co pensamento crítico galego na páxina web cunha periodicidade quincenal. Para eles traballamos con tempos moi amplos: podemos contactar cunha autora en setembro e que o artigo saia en febreiro ou en marzo despois de pasar por un proceso de revisión por parte do consello de redacción.

Así, parecíanos que publicalos en papel ao cabo do ano era un modo de recoñecer esa produción que xa estabamos levando a cabo en formato dixital, así como de darlle unha segunda vida e unha permanencia, porque aínda que os artigos fican na rede, cando pasa un pouco de tempo tamén van perdendo visibilidade. O certo é que estamos moi contentas tanto pola acollida que tivo no Festigal como polo interese que mostrou a xente en xeral. A idea é que o anuario comprenda todos os anos os artigos dixitais publicados desde setembro até xullo do ano seguinte, unha especie de curso académico.

Alén, todo isto tamén require un proceso porque aínda que xa van revisados para a web, cando maquetamos o anuario volvemos revisalos e engadimos unha bibliografía para axudar a ampliar lecturas e difundir outras referencias. Agora que xa rematou o curso do noso segundo ano de existencia xa contamos con outra fornada de artigos dixitais, polo que estamos traballando para sacar adiante o seguinte anuario, que sairá para a primavera que vén. 

Que balance fai destes dous primeiros anos de vida?

Moi positivo. Creo que fomos quen de consolidarnos, evidentemente neste período tan curto que levamos de existencia e con todo o traballo que queda por facer. Mais a nosa idea era consolidar as tres liñas de acción coas que lanzamos o proxecto: os artigos quincenais, a revista anual monográfica e a xornada de estudo. Nestes momentos temos xa preparado o número tres da revista, que sairá este mes de decembro, e podo adiantar que versará sobre unha crítica aos extractivismos e os xeitos de neoextractivismo desde unha perspectiva galega. 

Tamén estamos xa editando os materiais e o programa para a xornada de estudo deste ano, que volverá ser en Pontevedra e que irá sobre a cuestión de que é o político neste momento na Galiza contemporánea e onde están os seus límites. Á vez estamos consolidando tamén o modo de contribuír e facer parte do espazo: modificamos as categorías a través das cales as persoas poden aportar de maneira que hai máis variedade onde elixir segundo os produtos e publicacións que queiran recibir na casa. Aliás, estamos moi contentas porque tamén vimos de anunciar unha colaboración con Laiovento.

En que vai consistir esta colaboración?

Imos sacar unha colección de ensaio crítico dentro da propia editorial, por suposto en formato libro, e aspiramos a poder publicar un ou dous cada ano. Pensamos que nesta categoría é onde poden converxer a pescuda e tamén a produción intelectual e crítica que xorde dos propios movementos sociais, os que están na rúa, nas cuestións relacionadas co territorio, a loita nacional, o feminismo... Queremos seguir os protocolos dunha editorial académica polo que a chamada a recibir manuscritos vai ser aberta e transparente de maneira que calquera persoa poderá enviar unha proposta de libro que será sometida a un consello editorial. 

Unha vez que sexa aceptada e teñamos o manuscrito enteiro, este será sometido a unha revisión por pares anónima, na que, como mínimo, dúas expertas lerano e emitirán un informe. Tamén unha das cousas que queremos instaurar, que supoño que conseguiremos ao longo do tempo e coa experiencia, é que os ensaios sexan concisos e estean claramente escritos.

Queremos fuxir dos textos escritos de maneira opaca, que non se entendan desde o principio ou que non teñan unha tese crítica e argumental clara.

Comentarios