Contracultura

Héctor Pena: "O fútbol é o leitmotiv dunha historia sobre mulleres, identidades sexuais e represión"

Héctor Pena, xornalista de 'Nós Diario' e investigador, vén de publicar 'A pioneira' (Xerais), unha historia ambientada na Galiza de hai cen anos e que segue a andaina de Ester dentro e fóra do campo de fútbol.
O xornalista de 'Nós Diario' e historiador do fútbol galego Héctor Pena. (Foto: Noela Rey)
photo_camera O xornalista de 'Nós Diario' e historiador do fútbol galego Héctor Pena. (Foto: Noela Rey)

—Como nace a historia de Ester?
Está inspirada nunha personaxe real, Irene González, a pioneira do fútbol feminino na Galiza. Ela comezou a xogar a comezos do século XX, mais por desgraza tivo unha vida bastante breve a causa dunha tuberculose pola que morreu cando aínda estaba despegando a súa carreira. Eu coñecín a súa historia arredor de 2012 pola man de Eladio Muíños, un señor que investigou moito sobre a historia do Real Club Deportivo da Coruña, cando eu me estaba documentando para un futuro libro sobre o Trofeo Teresa Herrera. Aí foi cando decidín que igual podía facer unha novela histórica proxectando un pouco a esencia da personaxe, porque o certo é que o único que teñen en común Irene e Ester é que son mulleres que xogan ao fútbol na Coruña.

Con todo, pareceume unha base moi sólida para poder construír todo un relato ao seu arredor. E neste sentido, este é un ámbito de investigación que, afortunadamente, evolucionou moito na última década. Agora é unha disciplina estudada e respectada. Precisamente por este motivo cada vez é máis complexo que aparezan figuras como a de Irene que estiveran agochadas. Eu persoalmente non creo que vaia haber algo como o fenómeno que foi ela, cando menos a curto ou medio prazo. 

—Ademais, ten o engadido de ser unha historia pensada para un público xuvenil, polo que tamén pode servir de inspiración.
Claro. De feito, a cuestión do fútbol é a columna vertebral a través da que se tece a obra, mais como elemento fundamental só o é nun dos capítulos. O resto é a construción dunha historia sobre mulleres, identidades sexuais e represión. Tamén hai un elemento que para min era fundamental que era engadir personaxes que non foran malos ou bos absolutos. No mundo actual todo se mira en branco e negro, non hai unha escala de gris, e por iso eu quixen que na miña novela houbese personaxes aparentemente positivas que non son completamente boas así como outras negativas e desprezábeis que non son malas absolutas.

É dicir, que estas persoas que son malas, chegados a certo punto, poden ter unha chispa de luz, que non diría que é unha redención, mais si que é unha forma de expresar un certo optimismo. Sempre tento ver algo de positividade nas persoas e así tentei compor a novela, engadindo optimismo sobre o xénero humano e a forma de ver a vida.

—Como se representa esta represión da que fala?
Ester é sindicalista. É unha muller anarquista moi comprometida co seu sindicato e que ademais vivía soa, algo que non estaba ben visto. Tamén lle gustaban as mulleres.

Por tanto, na novela fálase de moitos tipos de represión, tanto política como pola súa identidade sexual ou polo mero feito de ser muller. Con todo, aínda que queda a interpretación das persoas que lean a historia, tamén diría que a protagonista non é Ester. Na historia hai tamén unha reivindicación das mulleres anónimas que estiveron aí. 

—Sendo unha novela histórica e ademais co fútbol como tema transversal, como foi o proceso de construír a ambientación?
Pola miña formación estou moi familiarizado coa historia do fútbol galego, toquei moitas crónicas da época e intentei ser moi estrito no que respecta a esta cuestión. Na novela hai varios escenarios, como Pontevedra ou Pamplona, mais a maior parte da trama decorre na Coruña. Quixen representar moi ben a cidade, as xentes, as rúas, tamén o campo de fútbol onde se xogaban os partidos e incluso a forma de xogalos. As tácticas, os golpes...

O fútbol da época era moito máis violento e agresivo que o actual e desde a postura de Ester, que era a porteira, tamén tiña que enfrontarse a isto. Neste sentido si que non hai demasiadas diferenzas entre o que viviron ambas. O contexto parecíame moi importante e, sobre todo, engadirlle moito dinamismo coa narración dos partidos. Ao final é un libro pequeno e ten a obriga de manter o ritmo en todo momento.

Comentarios