Xanma é vocalista de The Rapants, que vén de estrear o EP 'Nic Bahía'

The Rapants: "Hai unha pluralidade de bandas e de estilos musicais na Galiza que é necesario coidar"

Un peixe que Samuel comeu o día no que xogou moi ben un partido de fútbol non soamente lle deu nome o seu alcume, o Rapante, senón tamén á banda The Rapants. Nada en 2018 e integrada por Matías (baixo e teclados), Xaquín (batería), Samuel (guitarra e voz) e Xanma (guitarra e voz), a formación estreou hai unha semana o EP Nic Bahía.
A banda de Muros é coñecida por temas como 'Andas por él' ou 'A festa do meu enterro'. (Foto: Anxo Beiro)
photo_camera A banda de Muros é coñecida por temas como 'Andas por él' ou 'A festa do meu enterro'. (Foto: Anxo Beiro)

Como está a ser a acollida do EP?

A verdade é que bastante boa. En xeral, aos nosos seguidores si que lles gustou. Demos un concerto na sala Inn Club e a xente xa coñecía as cancións o propio día do lanzamento. Aínda así, para unha banda emerxente coma somos nós é máis complexo ter presenza nos medios e achegarse á xente que non nos coñece. Si que notamos que as persoas que nos coñecen escoitan as cancións practicamente en bucle, pero non está servindo para chegar a máis público.

Como xorde 'Nic Bahía'?

Xa o tiñamos preparado, de feito formaba parte dun álbum que queriamos sacar antes da pandemia. Tiñamos listos uns temas para sacar en formato álbum, mais despois tivemos un cambio de batería polo medio e outras cuestións, entón decidimos, por alixeirar o proceso e debido ao confinamento, gravar un EP destas tres cancións e deixar as seguintes para outras gravacións. As que faltan sairán no 2022. Non temos tempo para poñernos a gravar 10 ou 15 cancións seguidas. Producimos nós mesmos os temas, logo levámolos aos estudos e segundo os temos preparados ímolos sacando para que o noso público non se desconecte e vaian saíndo sempre cancións novas.

Que nos atopamos neste novo proxecto?

O nome ten que ver cunha discoteca clásica de Muros e as tres cancións seguen un pouco esa esencia da noite de festa en tres sentidos moi distintos. Luses Led está na liña de Andas por él, xa que fala das relacións tóxicas ou que non xorden como deberían. Oro Plata é un pouco máis complexa, porque trata o tema da competencia. A letra creouna Samuel e versa sobre os xogos dos nenos e o fútbol, no que “ouro-prata” é un xogo previo que se fai para seleccionar os equipos. Aproveitou isto para introducir esa competitividade que hai desde nenos e que ao mellor seguimos tendo de maiores. Logo, Nic Bahía céntrase na soberbia que a veces teñen os maiores de non respectar ou de considerar inferior algo que non pertence á súa época cando, en realidade, a xuventude o que fai é seguir o paso deses maiores.

Fálase dese cambio xeracional vinculado á estética disco é a música dos nosos pais.

Como definiría o estilo musical da banda a día de hoxe?

Cando comezamos, levabamos moito tempo sen reunirnos para tocar xuntos. Eu toquei sempre con Samuel, mais a formación que temos agora nunca tocara xunta. Si que partimos do garage por influencia directa de Terbutalina, que é un referente moi importante para nós, ao igual que Novedades Carminha. Foi a música coa que nós nos criamos. Partimos dese garage e pouco a pouco fomos esgotando eses estilos, posto que chega un punto no que todo o que queremos facer xa está feito. Entón, buscamos meter un sintetizador, influencias de fóra da Galiza ou de España doutros estilos máis innovadores... Fomos achegándonos un pouco a esa estética disco, introducindo elementos electrónicos... mais sempre na liña da diversión, da festa e facer un bo ambiente para o público.

Cal cre que é a situación actual do panorama musical galego?

Para bandas emerxentes coma nós foi moi complexo ese parón da pandemia, moitas desapareceron e a outras estalles costando remontar. Foi o noso caso, pero tivemos sorte e este ano foi a mellor. Hai unha pluralidade de bandas e de estilos que hai que coidar e, sobre todo, botar un ollo a esas formacións emerxentes. Por exemplo, Ortiga está tendo un boom incríbel e Grande Amore un crecemento importantísimo. No tema das bandas, hai moitas en galego e noutras linguas que están xurdindo, que comezan a asentarse no panorama e que é necesario que coidar.

Comentarios