Guitiriz institucionalizará o Día da Poesía após o Ano Díaz Castro

O concello de Guitiriz prepárase para o seu fin de semana grande. O Día das Letras Galegas fará deste concello de Lugo no que naceu Díaz Castro a capital cultural de Galiza e tanto o 17 como o 18 actos institucionais e festas literarias e musicais ocuparán distintos espazos da localidade. A partir deste ano, institucionalizarase o Día da Poesía. 

Casa natal de Díaz Castro nos Vilares
photo_camera Casa natal de Díaz Castro nos Vilares

En Guitiriz, queda aínda moita memoria viva de Díaz Castro, o poeta discreto e afábel que coñeceron os veciños e veciñas de máis idade a súa volta de Madrid. Desde o seu concello natal naceu o movemento para que  a Academia reparara no autor de Nimbos para lle dedicar o Día das Letras Galegas que, en certa maneira, contribuíu a que a veciñanza tomase conciencia da grandeza daquel home tranquilo que foi pasar no lugar de nacemento os seus derradeiros anos. 

“Desorballando outonos”

Agora prepáranse para conmemorar con entusiasmo o fin de semana grande do Día das Letras Galegas no que o Concello se converterá na capital cultural galega. O sábado día 17 as portas da Casa Habanera para acoller o acto institucional da Academia e, pola tarde, no mesmo espazo desenvolverase un recital de poemas de Díaz Catro, a actuación da Banda de Música de Guitiriz, lectura de poemas polos nenos e as nenas da localidade e a actuación da Coral Xermolos para rematar cunha interpretación conxunta da coral e a banda musicando tres poemas do autor. O día 18, no entorno da capela de San Alberto, con presenza na súa obra polas referencias á festa da Pastoriza, terá lugar a Festa da Fala e da Poesía que comezará por volta das once da mañá e contarán, entre outras cousas, un recital poético e a estrea do CD da Quenlle, “Desorballando outonos”, sobre a obra do autor homenaxeado. 

 A concelleira de Cultura, Marita Carballeira, anuncia tamén que en Guitiriz, a partir deste ano, institucionalizarase o Día da Poesía para o que barallaron o aniversario de Díaz Castro -do que se cumpriu o centenario neste 2014- mais posibelmente se opte por un día de maio, dadas as inconvenencias climáticas do mes de febreiro. “Non é só o Día das Letra,s para nós é o ano Díaz Castro e durará até o 31 de decembro. O Día da Poesía será a maneira de non nos esquecer de toda esta festa poética e da figura do noso autor” comenta a concelleira de cultura que valora de maneira especial ca implicación de veciños e veciñas, os centros educativos mais tamén particulares que mostran o orgullo de Díaz Castro e do protagonismo que Guitiriz ten nestas datas. 

Na aldea dos Vilares, onde está a casa natal de Díaz Castro, xa non hai habitantes e, por iso, Marita Carballeira entende que os actos se despracen a instalacións máis acaídas para a súa celebración. “Alí rodouse a película que se estreará esta sexta feira que dirixiu Cristina de la Torre. Acondicionouse o espazo e compre mirar pola casa”, apunta, dunha propiedade que os fillos doaron á Asociación Xermolos. 

Lembra a concelleira as palabras do fillo do escritor o día do centenario cando afirmou que Díaz Castro “quedaría moi impresionado se vira todo isto xa que era moi tímido”. Malia iso, Carballeira é testemuña da súa cordialidade e evoca o episodio no que coincidiu co poeta na biblioteca e Díaz Castro interesouse pola súa orixe, polo “de quen ves sendo” cando soubo da súa procedencia de Buril. Desde o Concello valórase tamén o esforzo desenvolvido desde hai anos pola Asociación Xermolos e o Instituto Poeta Díaz Castro á hora de valorar e promocionar a figura de Díaz Castro a quen, finalmente, a Academia decidiu dedicarlle o Día das Letras Galegas.

Comentarios