'Gaspariño XXI' homenaxea o debuxante Xaquín Marín

A obra, publicada pola Deputación de Pontevedra, foi elaborada por lumnado da escola de cómic O Garaxe Hermético
Alexandre Marín, María Ortega, Xaquín Marín e Kiko da Silva, esta sexta feira. (Foto: Rafa Estévez)
photo_camera Alexandre Marín, María Ortega, Xaquín Marín e Kiko da Silva, esta sexta feira. (Foto: Rafa Estévez)

A Deputación de Pontevedra presentou esta sexta feira, 30 de xuño, Gaspariño XXI. Unha homenaxe a Xaquín Marín, unha publicación elaborada polo alumnado da escola de cómic O Garaxe Hermético, que actualiza as tiras e os textos orixinais do autor e cuxa portada corre a cargo de Miguel Anxo Prado.

A presentación tivo lugar no Arquivo provincial con presenza do propio Xaquín Marín, acompañado polo seu fillo Alexandre Marín, a deputada de Patrimonio Documental e Bibliográfico, María Ortega, e o coordinador da publicación Kiko da Silva.

Na súa intervención, María Ortega destacou que o debuxante Xaquín Marín "foi dos primeiros en reivindicar o galego nas súas tiras, un militante do país que defendía os valores do noso pobo".

Pola súa banda, Kiko da Silva indicou que a publicación é unha reivindicación do personaxe de Gaspariño dos anos 70, pero tamén dos problemas que segue tendo a Galiza. "Son os mesmos gags de entón pero debuxados con aspectos de hoxe en día", explicou sobre unha colección que toca asuntos como a falta de traballo, a emigración ou os eólicos.

Da Silva explicou que o libro naceu no confinamento da Covid-19 como unha proposta de traballo colectivo semellante a outros que se fixeron con O Garaxe Hermético, pero coa dificultade de non poder coordinarse da maneira habitual.

O propio autor e protagonista da presentación, Xaquín Marín, agradeceu o traballo feito e explicou que "a miña vida foi debuxar e aínda sigo facendo tiras de humor despois de 60 anos".

Finalmente, a deputada María Ortega quixo aproveitar a última intervención como responsábel de Patrimonio Documental e Bibliográfico para agradecer todo o traballo realizado polo persoal do servizo neste últimos catro anos.

Comentarios