Nace BDra Gráfica, Xornadas de Banda Deseñada de Pontevedra

A primeira edición terá lugar do 17 ao 19 de marzo.
Kiko da Silva (Foto: Nós Diario).
photo_camera Kiko da Silva (Foto: Nós Diario).

O ilustrador Kiko da Silva coordinará as I Xornadas de Banda Deseñada da cidade do Lérez os días 17, 18 e 19 de marzo. O Museo de Pontevedra e o Teatro Principal serán os escenarios que acollerán as diversas actividades como charlas, exposicións e mesas redondas no novo encontro organizado polo Concello de Pontevedra. As datas do festival coinciden coa primeira celebración do Día do Cómic a nivel estatal, o 17 de marzo. 

No cartel destaca a presenza de autoras e autores galegos e do panorama estatal, con nomes de prestixio como o de Ana Miralles -autora do cartaz do encontro-, Miguelanxo Prado, Anabel Colazo ou Antonio Altarriba, que manterán encontros co público nos que presentarán os seus últimos traballos. 

O traballo de Ana Miralles, ademais, protagoniza unha exposición con cen orixinais. Tamén poderá verse unha colección con 85 láminas de acetato ilustrado empregadas para a animación da serie Dragon Ball. As dúas exposicións estarán abertas até o vindeiro 9 de abril. 

 

Outros autores que presentarán as súas últimas obras serán José Ángel Ares, Adrián Morgade, autor de Xinfu, Alba Evan e Javier Domínguez, creadores de Miquits, Anémona de Río, Miguel Rojo e Pablo Prado, Fonso Barreiro e Ánxel Carramal. 

O encontro tamén contempla obradoiros para público escolar e un espazo profesional no que se desenvolverá unha mesa redonda sobre o tema De profesión, autores de cómic, no que participarán Ana Miralles, Miguelanxo Prado, José Ángel Ares, Anabel Colazo, Alicia Jaraba e o propio Kiko da Silva.

O programa inclúe un espazo de venda a cargo das librarías Paz, Seijas e Nobel e no que estarán tamén presentes as editoras La Cúpula, Nuevo Nueve, Letra Blanka, GP Ediciones ou Retranca, ademais da tenda de material de debuxo Torrado.   

Comentarios