García MC publica o primeiro 'single' do seu novo disco

García MC, un dos principais representantes do hiphop galaico e ex membro de Dios Ke Te Crew, vén de publicar un videoclip co primeiro single do seu novo traballo. Titúlase  'Cleptocracia'. 

Foto clip abaixo e de remix 2016 por Rober
photo_camera García MC [Foto: Rober]

Neste primeiro tema, cun claro contido de carácter social marca da casa, participa tamén Gato Persa (Alto Asalto), e o videoclip está asinado por Alberto Lora. Trátase da primeira entrega do novo disco de García MC, cuxo plan é publicar unha canción con videoclip cada mes durante todo o ano. "Quen cre xa no CD?", pregúntase, aínda que remata recoñecendo que probablemente o rematará editando en formato físico. "Cada tema terá cadansúa portada, e serán todos diferentes, con colaboracións diversas e tamén un enfoque musical distinto, dándolle moita importancia á parte audiovisual".

García MC deuse a coñecer como membro fundador de Dios Ke te Crew en 2003, aínda que xa rapeaba letras propias desde os 13 anos. Ao pouco, aínda na adolescencia, pasa a formar parte do proxecto musical rapeiro Ghamberros, editando un traballo discográfico en 2004 ao remate desta aventura. Desde o ano 2006 ata o 2016 participa activamente tanto en Dios Ke Te Crew como no proxecto de “Foliada Rap and Punk” dos Labregos do Tempo dos Sputniks así como no seu proxecto en solitario. 
Ademais, deixou a súa pegada en ducias de discos de grupos eclécticos da música galega contemporánea. Musicou poemas de Celso Emilio Ferreiro en clave rapeira e formou parte da Banda Fura Fura (Homenaxe ao Zeca Afonso). En 2012 edita 'Abaixo e de pé (Vir)', realizando unha ampla xira de presentación que o levou mesmo a México. A comezos de 2016 sae á rúa 'Libremente', o traballo discográfico que pecha unha década de andaina de Labregos do Tempo dos Sputniks.