domingo 31.05.2020
Cultura

Galiza, unha nación en venda

Navegando pola rede, non é raro atopar anuncios de venda de bens que resultan, cando menos, sospeitosos. O patrimonio cultural pode comprarse e venderse, mais en que límites? Botamos unha ollada ao mercado negro.
As nove estatuas do mestre Mateo, declaradas BIC, continúan en posesión da familia Franco por decisión do tribunal tras a demanda do concello de Compostela.
As nove estatuas do mestre Mateo, declaradas BIC, continúan en posesión da familia Franco por decisión do tribunal tras a demanda do concello de Compostela.

Polo módico prezo de 39.900 euros calquera pode mercar un manuscrito orixinal de José Cornide Saavedra, coas investigacións sobre a fundación e fábrica da torre de Hércules dun persoeiro que forma, xunto a Feijoo e Sarmiento, o "triunvirato da cultura galega do século XVIII". Así o expón un anuncio na rede que cualifica de "xoia" o documento. Este é só un exemplo que pon face a un mercado de bens patrimoniais que son acervo cultural de todas, mais que poden ter titularidade privada e ser vendidos e mercados, legal ou ilegalmente, situación que "afecta especialmente ao patrimonio cultural galego", segundo afirma o arqueólogo Felipe-Senén. 

É legal?

Segundo o artigo 46 da Constitución Española os poderes públicos deben garantir a conservación do patrimonio histórico, cultural e artístico. As propietarias, públicas ou privadas, "están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración", estabelece a Lei de Patrimonio Cultural da Galiza. Dentro deses límites, o patrimonio pódese mercar e vender, con algunhas limitacións. Por exemplo, se se trata dun "Ben de Interese Cultural non se pode sacar do país" sen autorización, explica Carlos Henrique Fernández, presidente da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal).

Existe unha importante cantidade de patrimonio mergullado no comercio de arte e antigüidade. "Na Galiza, afecta especialmente ao de carácter relixioso", comenta Felipe-Senén. Eses bens que pertencen a mosteiros, igrexas parroquiais ou ermidas, foron xa desde os anos 60 vendidos polos propios sacerdotes. "Moita xente quedou até traumatizada porque esvaecese o santiño da noite á mañá e que despois aparecese en venda na rúa de San Xerónimo", explica Felipe-Senén. "Galiza converteuse nunha das principais canteiras das que saíron as antigüidades para nutrir o mercado non só a nivel do Estado español, senón de Europa: en Bélxica, Xenebra, A Haya...", denuncia. 

Existe unha importante cantidade de patrimonio mergullado no comercio de arte e antigüidade. "Na Galiza, afecta especialmente ao de carácter relixioso", comenta Felipe-Senén

Así, agromaría tamén un certo vandalismo protagonizado por furtos e roubos. "Os cruceiros foron moi cotizados e mesmo esculturas de carácter urbano tamén sufriron moito", explica o arqueólogo. Ese patrimonio que está oculto, en venda, atópase quer en anticuarios oficiais, "que con frecuencia teñen máis sensibilidade que a propia Administración", pero tamén do negocio negro, conta Felipe-Senén.

No caso da Igrexa "non hai papeis, recibos, documentos ou facturas que os acrediten. Non hai nada inventariado, taxado e catalogado", explica Ana Castro, tamén integrante de Apatrigal. Sería este un primeiro paso fundamental, ao seu ver, para garantir a salvagarda do patrimonio. "A administración non entra nas cloacas do mercado negro, non quere coñecelo", denuncia Felipe-Senén. Existe, polo tanto, un descoñecemento aquiescente.

"Hai unhas deficiencias nas políticas culturais. Normas e leis existen, cantidade delas, pero logo o que é facelas eficaces...", deixa no ar Felipe-Senén. Para evitar a circulación no mercado negro Castro considera fundamental que exista unha "catalogación, inventariado e taxación dos bens", pois senón resulta imposíbel aterse a nada.

"Galiza converteuse nunha das principais canteiras das que saíron as antigüidades para nutrir o mercado non só a nivel do Estado español, senón de Europa: en Bélxica, Xenebra, A Haya...", denuncia Felipe-Senén

Algo que, no exercicio da súa práctica profesional, a sorprende pola súa ausencia. "Logo botamos as mans á cabeza cando rouban algunha cousa e se coñecen as condicións nas que estaba, como aconteceu co Códice Calixtino, pero iso pasa moito", comenta. Os inventarios tamén son fundamentais para facer valer os distintos tipos de protección que contempla a Lei de Patrimonio Cultural, que, para alén do xa mencionado BIC, inclúe tamén o réxime de Ben Catalogado.

Rescates particulares

Felipe-Senén pon o exemplo da casa de Otero Pedrayo en Ourense, que mercou un particular "que o admira e sabe o que significa, mentres as institucións miran para o ar". Ante o desleixo, xorden colectivos como os que se atopan baixo a Rede do Patrimonio Cultural, na que se integra Apatrigal, que acometen unha función que a Administración non desenvolve malia as múltiples entidades "apelidadas de cultura", critica.

Tamén houbo grandes referentes na historia da cultura galega que, na medida das súas posibilidades, trataron de salvar obras nesa realidade á que non daban posto freo. Atópanse aquí os pioneiros da museoloxía na Galiza, como Chamoso Lamas, Filgueira Valverde ou Vázquez Seixas.

"Se non fomos educados, non podemos darlle o valor que ten. Cando se coñece, quérese. E cando se quere, deféndese", resume Felipe-Senén

En todo caso, este é o efecto dunha causa, insiste en sinalar Felipe-Senén. "Se non fomos educados, non podemos darlle o valor que ten. Cando se coñece, quérese. E cando se quere, deféndese", resume. A cerna é, xa que logo, un "descoñecemento cultural inmenso". O arqueólogo di: "O idioma é a base e a bandeira, pero tamén está o patrimonio que nos identifica, que son as mostras da nosa pequena historia".

Para el, vivimos un momento especialmente importante para pór isto en valor, entendéndoo en contexto coas "mensaxes de gran creatividade" que se están a dar nos últimos días de parte da comunidade artística. "Son a arte do noso tempo, a que faría o propio Castelao ou os nacionalistas históricos. Eles non fixeron arte polo arte nin para o seu ego, senón ao servizo da comunidade". E a ela pertence o patrimonio. 

comentarios