Cigarróns, peliqueiros, folións e comparsas protagonizan unha nova e festiva xornada do Entroido galego

Desde o 'triángulo máxico' a outras vilas e cidades, o ambiente festivo e alegre marcou o domingo.
Viana do Bolo. (Foto: Riobó Prada)
photo_camera Os folións tomaron Viana do Bolo. (Foto: Riobó Prada)

De norte a sur e de leste a oeste, miles de galegas e galegos participaron este domingo das diferentes actividades programadas nos seus respectivos concellos con motivo do Entroido, o primeiro que se celebra a 'pleno rendemento' após as duras restricións impostas nas últimas edicións por mor da pandemia.

A veciñanza de Sanxenxo (O Salnés) deu o disparo de saída ao Entroido este domingo co desfile infantil de disfraces, mentres en Marín (Pontevedra), que este sábado tamén tivo as crianzas como protagonistas cun evento idéntico, tivo esta tarde o seu gran desfile de carrozas e comparsas.

Vigo foi protagonista por unha cita extemporánea: a San Silvestre, que non puido celebrarse en Noitevella, como é habitual, polas condicións meteorolóxicas adversas. Centos de persoas completaron o percorrido de catro quilómetros desta popular carreira que se iniciou e rematou na porta do Sol.

Na tarde do sábado unha gran multitude anegou as principais rúas da cidade no desfile de comparsas, tamén celebrado este domingo en Ourense, coa asistencia de miles de veciños e veciñas. En Viana do Bolo, pola súa parte, os folións baixaron desde as parroquias.

O coñecido como 'triángulo máxico' do Entroido galego, formado polos concellos de Xinzo de Limia, Verín e Laza, tivo gran protagonismo nesta xornada. A carreira dos cigarróns deu paso a un concorrido desfile en Verín, mentres en Xinzo as charangas animaron as comparsas. E en Laza os peliqueiros inauguraron o Domingo de Estrea.

Nesta xornada as protagonistas do Entroido de Sande, en Cartelle (Terra de Celanova), son as Bonitas, que desfilan polas parroquias, logo de que o sábado os asistentes desen caza ao oso, que ficará preso até a terza feira, cando percorrerá a vila encadeado. Esta mañá de domingo, aliás, os galos de San Pedro da Mezquita deron comezo ao mediodía a unha nova foliada no Entroido da Merca.

En Carral e Abegondo celebraron hoxe o tradicional desfile, logo de que outros municipios da súa comarca como Culleredo ou a capital A Coruña, tivesen o sábado o día grande, canda outros municipios de comarcas como A Mariña ou O Salnés.

Santiago de Compostela deu o sábado inicio ao Entroido co tradicional desfile do Meco e o pregón de benvida ás festas. Este domingo celebrouse o festival infantil de disfraces. As festas comezaron tamén esta fin de semana en municipios da comarca de Ferrolterra como Ferrol ou as cidades de Pontevedra e Lugo.

Comentarios