sábado 19/09/20

O galego será requisito para as axudas á tradución

O Diario Oficial da Galiza publica cinco liñas de subvención vencelladas ao sector do libro galego. As axudas á tradución inclúen, fronte ás convocatorias doutros anos, o dominio do galego como requisito.
libros
libros

O Diario Oficial da Galiza publicou onte cinco liñas de subvención vencelladas ao sector do libro galego e ao fomento da lectura. Concretamente, expóñense os detalles das axudas para a tradución e edición do libro galego, das subvencións para fomentar a participación de escritoras, ilustradoras e tradutoras en actividades diversas do sector durante este ano e do apoio do Goberno ao programa Ler conta moito. Ademais, no eido das bibliotecas, publícanse as bases reguladoras das bolsas de formación en biblioteconomía e as axudas para adquirir novidades editoriais e mellorar as coleccións bibliográficas. 

Axudas a tradución

As axudas á tradución presentan este ano a particularidade de incluír a exixencia de demostrar a competencia en galego. Fronte ao que acontecía en anteriores convocatorias, os requisitos en 2020 implican o dominio da lingua desde a que se traduce e para a que se traduce a través "dunha certificación expedida polas institucións oficiais ou calquera outra documentación que o permita acreditar", polo que o galego será imprescindíbel para concorrer.

Outra das epígrafes a valorar son os "premios, distincións e recoñecementos" obtidos no eido profesional da tradución, que na anterior convocatoria só outorgaba cinco puntos, mentres nesta computa até 10 puntos.

As subvencións cubrirán unha contía de entre do 40 ao 60% do orzamento, até un máximo de 6.000 euros. Dos 200.000 euros de dotación, un 60% destínase a obras traducidas desde outras linguas para o galego, mentres as vertidas do galego a outros idiomas contarán co 40%.
 

comentarios