Contracultura

Inés San Luís: "O galego debe estar en internet para que a vida dixital e a de fóra da rede estean en consonancia"

Inés San Luís (Compostela, 1997), enxeñeira informática, é a creadora de Vogal, unha plataforma para descubrir series e películas en versión orixinal galega así como as plataformas onde se poden desfrutar.
A enxeñeira e creadora da plataforma Vogal, Inés San Luís. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A enxeñeira e creadora da plataforma Vogal, Inés San Luís. (Foto: Nós Diario)

—Que foi o que a levou a crear Vogal?
Traballo para grandes plataformas de streaming escandinavas no desenvolvemento de front-end e no meu tempo libre aproveito para explorar tecnoloxías e facer proxectos para ir mellorando as miñas habilidades como enxeñeira. Por outra parte, a día de hoxe vivo en Italia e moitas veces sinto esa saudade pola lingua na que sempre me comuniquei.

E nesta liña tamén vivo certas dificultades á hora de atopar contidos en galego, polo que é unha carencia que sinto e que foi unha motivación significativa. Tendo en conta a situación da nosa lingua tamén creo que hai que pensar na xente nova e no contexto dun mundo que cada vez está máis dixitalizado. É fundamental que o galego teña presenza en internet para que a nosa vida dixital e a de fóra das redes estean en consonancia.

Na casa, o meu pai sempre me transmitiu unha gran paixón polo audiovisual, polo que a miña idea con esta plataforma tamén era pór en valor as nosas historias e salientar o labor de profesionais da actuación, guión, dirección e demais que temos na Galiza. Son unha persoa cun gran compromiso social polo que desde a miña profesión tamén tiven moi claro sempre que quería poder pór eses coñecementos ao servizo de proxectos que estiveran vinculados con temas que para min son importantes. Vogal é a materialización do meu percorrido vital.

—Como funciona a plataforma?
O noso catálogo utiliza unha base de datos pública, The Movie Database, de maneira que calquera persoa, profesional ou usuaria xeral, pode editar ou crear contidos novos. Así, se hai algún dato erróneo, pode modificarse, mais tamén unha persoa que cree un contido novo, aínda que sexa cun orzamento limitado, pode engadilo á base de datos e que ao cabo duns días apareza en Vogal. Esta é, para min, das características máis interesantes da aplicación porque é unha maneira de tecer unha comunidade global que pode compartir, celebrar e vivir as historias.

Espero que a xente se dea de conta deste aspecto e que cada vez haxa máis persoas que colaboren para manter o contido, aínda que teño que recoñecer que a acollida do proxecto foi moi positiva. A día de hoxe xa hai persoas que engaden filmes en galego á base de datos, mais tamén teño en mente poder integralo na propia Vogal e que se poidan engadir directamente na plataforma. Espero que a comunidade continúe medrando porque iso tamén faría que vaia aumentando a cantidade e a variedade dos contidos dispoñíbeis.

—Que máis melloras pretende introducir en Vogal?
Como é un proxecto que nace para a comunidade, para min era importante ter unha primeira versión que me permitira recibir o seu feedback. Teño moitas ideas, mais quero ver que é o que a comunidade vai pedindo. Só ten sentido facer actualización se é o que á xente lle vai servir. Unha idea é que cada quen poida consultar a ficha dunha persoa determinada e ver en que series ou filmes estivo, polo que proximamente me gustaría incorporar os nomes que formaron parte de cada proxecto.

Tamén estou traballando en ver como podo engadir máis contido subtitulado ou dobrado e incluso pensei en poder votar desde Vogal ou facer que sexa unha plataforma máis social. E xustamente, ao preguntar en Instagram que preferían ver primeiro, a maior parte das participantes votaron polo contido subtitulado ou dobrado.

Comentarios