Galaxia rescata dous inéditos de Neira Vilas

As gabetas de Neira Vilas aínda non están baleiras. A máis de dous anos da súa morte, o autor de Memorias dun neno labrego (1961) segue presente no andel de novidades das librarías. A editorial Galaxia vén de anunciar a publicación de dous libros inéditos.
 

Neira Vilas (1)
photo_camera O escritor Xosé Neira Vilas.

De Gres a Cádiz, que sairá o vindeiro abril, recolle “un ramallete de lembranzas, de prosas condensadas que comecei a escribir, de vagariño, en xaneiro de 1996”. Así o explica Xosé Neira Vilas (Gres, Vila de Cruces, 1928-2015) no limiar que deixou preparado para o volume. Nel, en primeira persoa, tamén pescuda noutra das constantes da súa obra: a memoria da aldea, a reivindicación e exaltación da subalternidade.

O traxecto narrado en De Gres a Cádiz remata na cidade andulaza onde, con 20 anos, se embarcou dirección a América. Nada volveu ser igual para Neira Vilas. A profesora da Universidade de Santiago Dolores Vilavedra encárgase da edición da obra.

En 2019, Galaxia colocará nas librarías un outro título inédito do escritor, “de corte máis intimista”. Ambos os dous traballos emerxeron no proceso de catalogación dos fondos da Fundación Neira Vilas, que ten sede en Gres.

Comentarios