A Fundación Laxeiro recoñece o labor literario de Ferrín

Desde o ano 2004, a fundación que coida o legado do pintor Laxeiro outorga recoñecemento a toda unha traxectoria cultural. Este ano será para Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938), cuxas achegas literarias son, entende o patronato da fundación, “non só indispensábeis senón mesmo basilares na configuración da Galiza contemporánea”.
 

Xosé Luis Méndez Ferrín
photo_camera O escritor Xosé Luis Méndez Ferrín.

“Méndez Ferrín detectou o pole de ideas da cultura e do pensamento universais sempre dun xeito precoz, o que o colocou tamén constantemente nunha posición de vangarda”, engade o fallo, que fai un rápido e informado repaso polas diferentes etapas da obra literaria do autor, da Nova Narrativa de Arrabaldo do Norte (1964) ás “tensións sociais da Galiza dos cincuenta e sesenta” en Antón e os inocentes (1976), e compara os seus volumes de relatos Crónica de nós (1980) e Arraianos (1992) con mestres do nivel de Rafael Dieste ou Julio Cortázar.

O patronato da Fundación Laxeiro, que noutras ocasións distinguiu a poeta Luz Pozo, o escultor Silverio Rivas ou as escritoras María do Carmo Kruckenberg e Neira Vilas, tamén salienta a posición fundamental que, na literatura galega, ocupa a poesía de Méndez Ferrín. Entre os seus títulos figuran Con pólvora e magnolias (1976) ou Contra Maquieiro (2005).

Ferrín recibirá o premio o vindeiro sábado 24 de febreiro de mans do presidente da fundación e mais do alcalde de Vigo -cidade onde se atopa a sede- Abel Caballero.

Comentarios