Contracultura

Francisco Castro: "'Agora é o tempo' xorde da pulsión creadora que me levou, despois de 30 anos, a compor temas"

Francisco Castro presenta o seu primeiro disco, 'Agora é o tempo', o 28 de outubro no teatro Salesianos (Vigo), facendo o seu debut como músico aos 57 anos. 
O escritor e músico vigués Francisco Castro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O escritor e músico vigués Francisco Castro. (Foto: Nós Diario)

—Despois de tanto tempo escribindo, por que dá o salto á música?
Quen repase entrevistas comigo verá que levo décadas dicindo que son un músico frustrado. A literatura realmente era o meu plan B, aínda que non se me dá mal, mais o meu gran plan sempre foi a música. Eu son un creador e como tal escribo libros e fago cancións. De feito, estou rematando unha novela longuísima que comecei a escribir hai case un ano, vou seguir sendo escritor. Con todo, agora quero complementar esa faceta coa musical. A música e este disco son unha parte máis da miña faceta de creador. O disco xorde precisamente desta pulsión creadora que me levou, despois de 30 anos sen facelo, a compor temas. 

—Despois de tanto tempo, como foi volver a ese proceso?
Foi moi natural, similar a cando non ves algunhas amizades en anos e aínda así no momento no que vos xuntades tes a sensación de que non pasou o tempo. Comecei compondo o tema "Malos tempos", presente neste disco, e a partir de aí foi como abrir a billa dun estanque. Como un encoro rebentando. Compuxen máis de 30 temas arredor dun ano, un detrás doutro, porque en calquera momento aparecían as ideas, ben de liñas temáticas ou de estruturas de cancións. Creo que coa música, como coa literatura, é moito mellor non forzarse. Hai que deixar que as cousas flúan. Non entendo a quen escribe só temas de moda ou só por vender, así como tampouco entendo a quen compón só con fins comerciais.

Nun primeiro momento foron saíndo temas de corte máis social ou político, mais a medida que me fun soltando o que saían eran temas de amor e moito máis elaborados. Desde o momento no que asumín que non estaba compondo senón que estaba facendo un disco, os temas comezaron a volverse máis complexos musicalmente falando porque comecei a atreverme.

Claro, igual que cando escribes unha novela, cando menos no meu caso, deixas 50 ou 60 páxinas fóra, coas cancións acontece igual. Escribes unha canción e marchas feliz para a cama e ao día seguinte descobres que o que fixeches non serve ou polo que sexa non funciona. De feito, baixo o meu punto de vista, é bo que queden máis cancións fóra que dentro do disco, así como creo que o máis importante cando escribimos é o que tachamos e non tanto o que mandamos á imprenta.

—Por que presentar o disco neste momento?
O disco estaba programado para estas datas. En setembro comeza o curso escolar, é unha época na que volvemos do verán a unha certa vida normal. É cando se producen moitos lanzamentos discográficos. O que non estaba programado era que eu deixara a dirección de Galaxia. É pura coincidencia. 

—Cales son a expectativas para este debut como músico?
A véspera do concerto de presentación do disco farei 57 anos. Non creo que haxa moitos cantantes que debuten a esta idade, polo que as miñas expectativas son moi altas e entendo que tamén hai moita curiosidade. O disco leva xa días nas plataformas dixitais e en xeral a palabra que máis escoito é sorpresa, quizais polo ton de rock and roll guitarreiro, mais ao final, baixo todo iso, o que hai son cancións con mensaxe, textos moi coidados e as letras dun escritor. Dicía Saramago que o mellor que lle pode pasar a un escritor é que teña un estilo recoñecíbel e eu creo que é algo que está nos meus libros e na miña música.

E se algún día fixese unha película, que sería outro reto bonito para asumir, sería un filme de Francisco Castro. Estou moi emocionado e agradecido ao meu produtor e aos músicos que me acompañan, por confiar en min, e agradecido á vida que me permite, á miña idade, empezar unha aventura tan apaixonante. Todo o que veña neste sentido, a nivel de contratación, ímolo atender desde a produtora coa que traballo. A nivel laboral, en primeiro lugar voume permitir descansar, despois de 31 anos, e no que respecta a outros proxectos profesionais irei falando cando se vaia achegando o momento.

Comentarios