Francisco Álvarez, 'Koki': "Escribir 'Máis aló de Fisterra' foi contar a emigración galega, mais tamén a global"

Francisco Álvarez, escritor e poeta coñecido como Koki, vén de reeditar o poemario Máis aló de Fisterra (Juglar), no que narra a súa percepción da sociedade desde a súa chegada a Nova York. Koki aborda as problemáticas comúns nas persoas migrantes, mais tamén as características do exilio galego xa que, como el di, “hai unha historia que non ten nada que ver co literario, mais que dalgunha maneira moldea a túa maneira de pensar”.
O poeta Francisco Álvarez, 'Koki', aborda as características do exilio galego (Foto: Nós Diario).
photo_camera O poeta Francisco Álvarez, 'Koki', aborda as características do exilio galego (Foto: Nós Diario).

Como xurdiu Máis aló de Fisterra?

Este poemario é a expresión do que eu sentín e de como eu mirei a sociedade americana. É un libro social que fala desa sociedade e tamén de determinadas personaxes. Posibelmente haxa cousas que maduraron cos anos, porque a primeira edición deste libro publicárase nunha colección da Deputación de Pontevedra en 1991 e eu estiven trinta anos en Nova York, mais aínda vou e manteño amizade e colaboración con certas persoas.

Agora sae publicado en Juglar  con algúns poemas máis que nesa primeira edición. Hai que ter en conta que a maioría das persoas que escriben pertencen ao mundo académico. Eu son un obreiro que escribe e iso é máis raro.

En certos círculos custa manter o diálogo con determinadas persoas porque pensan que, como autoras, están por enriba. Como en case todo o que escribo, o único que me interesa a min é mandar unha mensaxe e neste caso hai un antes e un despois na emigración. Está a emigración do exilio, rica e que fundou editoriais, e a emigración da posguerra, na que as persoas ían facer cartos.

Máis aló de Fisterra foi contar a emigración galega, mais tamén a global, porque cando eu cheguei comecei a lavar a louza dun restaurante e coñecín xente de diversos países e a conclusión que saquei é que os emigrantes se parecen. 
 
Que visión desta emigración é a que está presente no poemario?

Este libro é moi importante para min porque eu fun como inmigrante, mais tiña as miñas inquedanzas. Por iso, xuntámonos uns poucos amigos que pensabamos igual e fundamos o Colectivo Celso Emilio Ferreiro onde organizabamos actividades como exposicións da nosa literatura ou homenaxes a Rosalía, aínda que nunca chegamos a rexistralo nin a pedir axudas institucionais porque non nos atraía colaborar cun Goberno galego de dereitas. 

Eu estiven ilegal alá durante anos, como a maioría dos inmigrantes que chegan ao país, e hai unha historia que non ten nada que ver co literario, mais que dalgunha maneira moldea a túa maneira de pensar. Eu non escribiría igual de non ter ido a Nova York porque estar en contacto con estes círculos fai que mudes.

Eu vivín de perto cousas como que unha parella falara galego e cando chegaban as crianzas mudaban ao castelán e transmitían a cultura da gaita e o de sempre, mais non a cultura da lingua e do respecto. Teño que recoñecer que amizades miñas me cuestionaban este enfado coa comunidade galega en Nova York cando na Galiza a maioría da xente falaba castelán.

Baixo o meu punto de vista, o galego nunca estivo en peor situación que hoxe e a forma de velo é achegarse á porta dunha escola, pública ou privada, e escoitar a fala do alumnado e do profesorado. 
 
Os poemas están acompañados por un limiar escrito por Dino Pacio Lindín e un epílogo de Xosé Luís Méndez Ferrín. 

Foi en Nova York onde coñecín Dino, que para min, despois de Castelao, foi o galego máis importante alí. Non estaba no mundo literario, senón no ensino e fundou Solidariedade Humana, coa que levou a universidade á rúa naquela época onde había tantos problemas de drogas e de abandono.

No caso de Ferrín, antes de marchar para Nova York eu xa publicara algunha cousa por aquí, xa pertencía á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e estaba en contacto con poetas da miña xeración.

Ferrín foi un dos nosos mestres e para min en concreto sempre foi un mestre do galeguismo, da loita pola Galiza e un home ao que admirei moitísimo. Polo tanto, o feito de que ambos colaboraran neste libro foi moi importante para min e por iso era fundamental manter eses textos nesta publicación. 

Comentarios