Foz celebra a Festa da Palabra

Volve a Foz os días 14, 15 e 16 de novembro unha nova edición da Festa da Palabra que organiza a asociación A Pomba do Arco, con concertos e recitais poéticos, entre outras actividades.  

A Festa da Palabra, encontro literario musical arredor da poesía,  tenta achegar a creación literaria ao grande público e de xeito moi particular unha linguaxe minorizada como é a linguaxe poética. Esta celebración, recuperada felizmente o pasado ano, após unha paréntese de 14 anos, celebrarase na salón de exposicións do Cenima de Foz, comezando os concertos e as exposicións ás 20:30.

Os actos arrancan a segunda feira -14 de novembro- cun concerto de rock a cargo do grupo Fran Amil e a tribo incomprensíbel que presentaran o seu disco 'A voz do vento', libro-CD editado pola Mesa pola Normalización Lingüística, que musica diversos poemas do poeta chairego Manuel María.

Na terza feira recitará os seus versos a poeta Marica Campo, persoa moi vinculada á Mariña de Lugo, onde residiu varios anos e onde exerceu como mestra. 

O actos fecharanse na cuarta co recital do xornalista Miguel Sande, delegado de La Voz de Galicia na Mariña, con ampla obra literaria.