Máis

Fortalezas e torres defensivas no Miño

As construcións defensivas acompañan a paisaxe da Raia húmida. Hai constancia polo menos de 41, erguidas principalmente ao longo do século XVII. A pesar da erosión, torres, murallas e fortes conservan parte do seu aspecto orixinal, como é o caso da fortaleza de San Lourenzo en Goián (Tomiño).
Mapa fortalezas
photo_camera Construcións defensivas conservadas e non conservadas mais das que hai constancia. (Fonte: Xunta da Galiza / Infografía: Nós Diario)

O Miño actúa como nexo de unión da historia común de Portugal e da Galiza, mais tamén conserva múltiples construcións defensivas. Na zona máis meridional do río, próxima á súa desembocadura, existe unha rede de fortalezas e torres construídas maiormente entre os séculos XVII e XVIII, nun contexto conflitivo no que se producían escaramuzas. Hai constancia de que existiron até 42 construcións defensivas desde Crecente até A Guarda, na parte galega; e desde Melgaço até Caminha, na beira portuguesa.

As fortalezas fronteirizas que se erixen ao longo da raia húmida preséntanse como un único sistema xeral, que se pode clasificar nunha serie de áreas atendendo á súa proximidade xeográfica, ás etapas da súa construción e aos sistemas defensivos: sistema Fornelos-Melgaço, Sistema Salvaterra-Monçao, Sistema Tui-Valença, Sistema Goián-Vilanova de Cerveira e finalmente, chegando xa á costa, o Sistema Atlántico.

Sistema Fornelos-Melgaço

As fortalezas da Torre de Fornelos, na Galiza, e a praza forte de Melgaço, en Portugal, constitúen un sistema diferenciado que se coñece baixo a denominación de raia seca.

A Torre de Fornelos, no concello de Crecente, é a estrutura que marca o comezo do conxunto de fortalezas que hai ao longo do Miño no seu tramo final. As primeiras referencias documentais da existencia desta torre e casa forte datan do ano 1158, na Baixa Idade Media. A súa construción probabelmente estivo motivada polo control do val que forma o río Ribadil cara ao interior da Galiza.

Alén Miño, na outra beira do río, atópase a vila amurallada de Melgaço. A torre do castelo é de finais do século XII, aínda que a construción das murallas prolongouse durante os séculos seguintes. Foi no primeiro cuarto do século XVI cando o recinto adoptou a forma deseñada por Duarte D'Armas. A parte que se conserva na actualidade correspóndese, fundamentalmente, á obra medieval.

No sistema Fornelos-Melgaço tamén se atopan outros edificios da mesma época tales como o Pazo de Queimadelos e o Pazo da Fraga, en Crecente, e o Pazo de Moreira, en Arbo.

Sistema Salvaterra-Monçao

Salvaterra estivo durante un tempo controlada por Portugal. A súa orixe portuguesa xustifica o carácter urbano do conxunto de Salvaterra ao estilo doutras prazas portuguesas, como Vilanova, Melgaço, Caminha etc. 

A praza forte de Salvaterra sitúase ao pé do Miño e fronte á praza forte de Monçao, coa que comparte parte da súa historia. A Fortaleza de Monçao é un complexo defensivo de planta poligonal formado por once baluartes que foi construída en 1656. Da fortificación dos séculos XVII e XVIII apenas quedan restos dos baluartes.

No concello de Salvaterra de Miño tamén se atopan outros enclaves como a Fortificación de Fillaboa, o Pazo de Corzas, o Pazo de Lira, o Pazo de Petán, e a Porta da Inquisición.

Por outra banda, no concello portugués de Monçao, atópase a Torre de Lapela. 

Sistema Tui-Valença

Tui e Valença constitúen os conxuntos urbanos e monumentais principais da zona. Xa na Idade Media comezou a rivalidade entre as dúas vilas polo control do paso da fronteira.

A vila de Tui tivo dous sistemas amurallados que aínda se conservan. Un corresponde á época medieval, aos séculos XII e XIII. O segundo construíuse nos séculos XVII e XVIII. Os principais restos pódense contemplar na actualidade desde o paseo fluvial.

A praza de Valença do Miño completa a fortificación de contraste no lado portugués. Constitúe un dos exemplos máis destacábeis polo seu trazado e bo estado.
Neste sistema tamén se inclúe a Torre de Tebra en Tomiño.

Sistema Goián-Vilanova

O sistema Goián-Vilanova da Cerveira inclúe as Fortalezas de San Lourenzo, a Torre dos Correa en Tomiño; e as Fortificacións de Vilanova de Cerveira e Lovelhe en Portugal.

O primeiro trazado de San Lourenzo é anterior á ocupación portuguesa, mais o forte considérase insuficiente e mal situado case desde a súa construción. Foi reconstruído a partir de 1668. Hoxe constitúe un elemento ben conservado, recoñecido polo seu gran valor patrimonial e histórico.

En Vilanova de Cerveira creouse un primeiro núcleo medieval que se complementou cunha ampliación moderna que significou a sistematización das intervencións. 
Na actualidade consérvanse as obras fortificadas medievais e modernas en bastante bo estado, aínda que a atalaia perdeu o seu dominio territorial.

Sistema Atlántico

O denominado Sistema Atlántico, que se localiza na desembocadura do Miño, está conformado polo Forte da Insua, en Caminha, e o Castelo de Santa Cruz na Guarda.
A construción dun forte que defendese A Guarda converteuse nunha prioridade despois da toma de Goián (Tomiño) polas tropas portuguesas.

Construíuse entre 1663 e 1664 aproveitando material da muralla medieval. Ten catro baluartes e catro medias lúas. Estaba insuficientemente armado, o que non permitía o control do Miño. A súa función era limitar o acceso desde a ría a Baiona.

Por outra parte, a vila da Guarda configurouse como un núcleo central fortificado e defendido de pouca entidade. A fortificación desta vila construíuse en pendente cun tamaño reducido —duns 120 por 80 metros—. Conta con dúas portas unidas pola rúa do Medio, hoxe rúa de Colón.

O Sistema Atlántico da zona portuguesa componse por diferentes elementos independentes que compoñen unha área de influencia común: a Fortaleza da Insua no Atlántico, controlando  o acceso do Miño, que é unha construción barroca de planta en estrela irregular; e a Fortificación de Caminha, que constitúe o recinto amurallado base de aprovisionamento do Miño.

Desafortunadamente outros fortes desta época desapareceron co paso do tempo como o Castelo de Santa Trega na Guarda; a Fortaleza de Santiago de Aitona en Salvaterra; o Forte da Nosa Señora da Concepción, a Torre dos Ratos e o Forte das Chagas en Tomiño; a Fortificación de Amorín ou o Fortín do Río San Martiño en Tui; entre outros.

Comentarios