xoves 03/12/20
Villar Janeiro publica un libro de haikus nados na Rede

A forma mínima do poema

Dezasete sílabas, unha idea -dúas ao máximo-, e unha sensibilidade aguda sobre os cambios de luz e o devalo das estacións. Velaí unha definición posíbel do haiku, unha das formas mínimas do poema, importada de oriente. Helena Villar Janeiro (Becerreá, 1940) publica agora medio cento deles en Poesía mínima (Alvarellos).
 

A poeta Helena Villar Janeiro. Foto: Eduardo Castro Bal.
A poeta Helena Villar Janeiro. Foto: Eduardo Castro Bal.

“Sempre me interesou a contemplación da natureza. É algo que herdei do meu mestre na poesía, Juan Ramón Jiménez”, explica Villar Janeiro, “que nos seus últimos anos tendeu ao esencialismo. E iso atráeme moito”. A poesía reducida ao óso é, tamén, característica do haiku: “Difícil é / saber a duración / que ten a morte”.

poesía mínima

Esta obra, en que os textos aparecen acompañados de cadansúa fotografía e tradución ao inglés e ao castelán, naceu en Internet. “A miña curiosidade pola redes e a miña curiosidade pola fotografía xurdiron a un tempo”, relata, “e comecei a pendurar unha serie de haikus na conta de Twitter, sempre cunha imaxe. Tiveron moito éxito, moitos gústames”. Tanto que chegou aos 690. “A xente pedía un libro”.

Unha contundente escolma reduciu aquela masa poética a 50 pezas. “Atopei un editor entusiasta”, engade, “que mesmo aceptou o título de Poesía mínima. Porque aos editores non lles gusta usar a palabra “mínima”. Pero Quique Alvarellos si, e fixo un libro fermosísimo, con valor de obxecto”. Cuberta dura, papel satinado e caixa reducida, acorde co xénero que acolle, para un volume de “meditación e rezo para ateos e agnósticos”.

O diálogo entre fotografía e poema é outra das chaves do traballo. Porque escrita e impresión da luz foron da man. “Hai algúns haikus que se poden separar da foto e ter vida propia. Outros non. Mais todos teñen a ver coa imaxe que os incitou”, engade. “A destrución: / labirinto do tempo / e da incerteza" ao pé das ruínas dunha casa no corazón dunha vila, por caso.

Con Poesía mínima Villar Janeiro súmase a unha nómina de autoras e autores cada vez máis poboada que practican a forma haiku. Lembra a Ricardo Martínez-Conde e celebra que se “precise máis en que consiste. Antes chamábase así a calquera poema curto”. En todo caso, conclúe a poeta -cuxo anterior libro de poemas foi Remontar o río (2014)-, “a paisaxe galega, coas súas catro estacións diferenciadas e marcadas, cadra moi ben co xénero”.

comentarios