Este sábado, no festival Escenas do Cambio

O folk comunitario da vasca Mursego, en Compostela

É unha das propostas máis singulares e arriscadas das músicas populares contemporáneas: a vasca Maite Arroitajauregui, Mursego. Este sábado presentará no Centro Galego das Artes Contemporáneas de Compostela o seu último disco, 100% Oion, dentro do festival Escenas do Cambio.
 

mursego
photo_camera Mursego.

Aínda que máis que de disco, cómpre falar de proxecto. Hai un par de anos, a asociación veciñal Bitartean Jolasean solicitou propostas para mellorar a convivencia entre as distintas comunidades de Oion, un pequeno municipio alavés de apenas 3000 habitantes. Nel reside un importante número de poboación estranxeira e a súa taxa de desemprego atópase entre as máis altas de Euskadi.

O combate contra os estereotipos respecto das persoas foráneas -fundamentalmente chegadas de Marrocos e Paquistán- centrou a idea. Dunha mesa de mediación social emerxeu a idea de rexistrar un disco. 100% Oion é, en palabras da autora, un exercicio de empatía que asiban Mursego e pobo de Oion. No traballo participaron máis de oitenta veciñas e veciños do lugar, de idades e nacionalidades diversas.

O proxecto, coordinado pola a artista Idoia Zabaleta, procura axudar a mellorar a convivencia intercultural. 100% Oion contén oito cancións, entre as que atopamos unha canción tradicional islámica traducida ao euskera e ao castelán, unha tecno jota ou o tema Óyenos Oion, resultado dun “coro de queixas”: a recollida por escrito das queixas da veciñanza. Folk vasco, hip hop e electrónica completan unha obra dificilmente adscribíbel a ningún estilo que non sexa o de folclore contemporáneo.

Á procura de novas linguaxes


O concerto de Mursego será ás 22:30 no CGAC de Santiago de Compostela. Fai parte do festival Escenas do Cambio. A Cidade da Cultura organiza este ciclo, adicado ao teatro, a danza, a música e o arte en acción, do 1 ao 10 de febreiro. Concertos, obradoiros e performancees conforman o cartel deste ano, integrado por artistas galegas, españolas, portuguesas e latinoamericanas que traballan no desenvolvemento de novas linguaxes artísticas.

Maria Arnal i Marcial Bagés, a compañía Voadora con Garage oun Light Years Away de Edurne Rubio son algunhas das máis salientábeis propostas do programa.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios