Foliadas, a comunidade que xera e sustenta

Unha xornada arredor do baile tradicional e a súa transmisión.
A Foliada da Fonsagrada recibiu o Premio Martín Códax da Música deste ano (Foto: Nós Diario).
photo_camera A Foliada da Fonsagrada recibiu o Premio Martín Códax da Música deste ano (Foto: Nós Diario).

O baile supón unha ferramenta de socialización e cohesión grupal, sendo este un elemento vertebrador das comunidades. Por este motivo, a II edición da xornada “A voltas co baile”, organizada polo Museo do Pobo Galego e celebrada hoxe, xira arredor do lema “O sentido de comunidade nos espazos e prácticas do baile”. Xulia Feixoo, investigadora e unha das poñentes da parte teórica da xornada, sinala que “cando falamos de baile tamén é importante falar da comunidade que o sustenta. Creo que o baile e a música nos salvan do individualismo, ancorándonos á comunidade e ao territorio, de maneira que nos sentimos parte disto, mais tamén responsábeis de xestionar ese patrimonio”. 

Así, para a investigadora, “a música e o baile son lugares privilexiados de transmisión, mais debemos pensar que é o que imos transmitir, podendo ser críticas con moitos aspectos, mais tamén valorando outras calidades. Por exemplo, todo o mundo participa no serán, non importa facelo mal ou ben, e isto, levado a un centro educativo, tería unha potencia bestial”. 

Sobre este punto incide tamén a antropóloga Beatriz Busto, unha das involucradas no proceso de declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) da foliada. “O baile e a música tradicional, como a lingua, dános información sobre quen somos, como pensamos e nos expresamos. Mais a transmisión deste patrimonio oral depende das persoas, da comunidade portadora dese ben, non tanto da figura administrativa que se lle dea, exactamente como ocorre co galego”, que se non se fala ou non se escribe non hai moito que facer. O feito de patrimonializar un ben, administrativa e legalmente falando, non vai facer que se transmita mellor ou peor”, manifesta.

A tradición en auxe

A mañá fecharase a xornada cunha palestra arredor da foliada na que participarán diferentes persoas implicadas nestes eventos. Lucinda Barcia, de 71 anos, é unha delas, que se achegará coa súa filla, Montse Alvariño, para falar da súa experiencia organizando o Serán dos Namorados (Toutón, Mondariz). “Con 12 anos xa tocaba no serán cos maiores, mais deixouse de facer porque a Garda Civil estaba indo ás aldeas de arredor denunciando a xente, mais en 1996 por fin puidemos pór en marcha este evento que cada ano vai a máis. Eu teño ido a moitos seráns e do este ano foi algo nunca visto”, relata Barcia. 

Precisamente, Chus Caramés, dos Encontros de Música Tradicional de Carboeiro (Silleda), fai referencia a esta ruptura da transmisión sinalando que “aínda que a xente nova non tivo esa oportunidade, agora hai unha ampla demanda de clases de baile e música tradicional para poder coñecer os códigos. A organización de foliadas semanais en moitos puntos da xeografía galega, como pasaba non hai tantos anos, é síntoma de que o baile e a música son patrimonio vivo e que esta cadea de transmisión continúa. Nos nosos encontros vemos como acode rapazada miúda que pode atopar referentes e vivenciar en primeira persoa o foliar”. 

Neste sentido, Adrián Méndez, da Foliada da Fonsagrada, afirma que “a tradición e o folclore están de moda agora. Na Fonsagrada máis da metade do público é bastante novo. Non sei até que momento durará, mais estamos nun punto álxido”. Engade que a tradición “foise adaptando aos tempos, pasando de xeración en xeración, e isto deixará un pouso no futuro bastante interesante”. A partir das dúas da tarde, a xornada teórica dará paso a unha foliada aberta á cidadanía nos xardíns do Museo.


Declaración de Ben de Interese Cultural

Beatriz Busto foi unha das asinantes do informe técnico para solicitar a declaración BIC para a foliada. Para ela, "administrativamente pode convir, mais tamén depende de como se faga, xa que pode dificultar que a comunidade xestione a foliada. Esta declaración debe ter unha perspectiva viva, dinámica e antropolóxica do ben, e non folclorista e mercantilista. As palabras que usen son máis importantes do que parece". 

Comentarios