Contracultura

Fito Ferreiro: "Co cine é máis doado achegar o discurso e a realidade LGTBIQA+ dun modo máis amábel"

Fito Ferreiro, pertencente á Asociación Palestra, é unha das persoas que organiza o Festival Norte Cinema Diverso, que decorrerá no Teatro Colón da Coruña os días 21 e 22 de abril e que se centrará en curtas, filmes e documentais arredor do colectivo LGTBIQA+.
Fito Ferreiro, membro da Asociación Palestra. (Foto: Cedida)
photo_camera Fito Ferreiro, membro da Asociación Palestra. (Foto: Cedida)

—Cal é a situación actual do cinema galego no que respecta ao colectivo?
Estanse a facer cousas, mais poucas. De feito, custounos atopar algo que puidese encaixar no festival. É certo que agora mesmo hai persoas que están facendo cousas, o que ocorre é que aínda non están para estrear, polo que estarán no encontro con actrices e actores e coas persoas de dirección. E tamén hai cousas feitas de hai anos, sobre todo documentais moi centrados nas persoas e feitos de forma caseira, que non o digo como algo malo senón todo o contrario, mais son materiais que xa están moi estreados e que xa pasaron por festivais de toda a Galiza.

Buscabamos algo que non se vira moito aquí e o certo é que non foi doado. Non podemos dicir que o cinema galego trate de forma habitual estes temas, como si que se fai noutros contextos cinematográficos. Mais como digo, a xente nova está comezando a facer cousas que se verán proximamente e ademais utilizando unha linguaxe e unhas ideas moi novas que están xurdindo no colectivo. Paréceme moi interesante que o fagan e que teñan unha forma de ver o mundo tan diferente á que temos nós. 

—Son iniciativas necesarias tamén para a creación de referentes.
Si, por suposto, é moi interesante. Con todo, con este festival nós tamén queriamos romper barreiras, que non fose un festival só para nós. Temos a intención de chegar ao resto da cidadanía porque cremos que coa arte, e especialmente co cinema, é moito máis doado levar o noso discurso e a nosa realidade e, sobre todo, levalo dunha forma máis amábel e achegada.

Nesta liña e no que respecta á xornada do sábado 21 pola mañá, estamos falando con institutos para que a rapazada poida vir. Por suposto, está aberto a todo tipo de público, mais cremos que é esencial que a xente nova veña, por iso estamos facendo este labor de abrir o festival nestes círculos. Queremos manter esta mirada e esta proposta e que non quede só na xente do colectivo. 

—Hai intención de continuar con futuras edicións?
Si, gustaríanos moito. Este festival é unha idea que tiñamos desde hai tempo porque sempre fixemos proxeccións de filmes, mais queríamos levalo máis aló, involucrando a cidade e traendo artistas. Agora estamos intentando traballar ao 150% para que saia ben e para que chegue a toda a cidadanía porque por fin contamos co apoio necesario, grazas tamén á Academia Galega do Audiovisual, á Escola de Imaxe e Son e á Universidade da Coruña, que están a implicarse de verdade.

Claro, cando fas algún acto así, nunca sabes como vai saír, mais eu creo que está habendo unha boa acollida porque apenas hai cousas deste tipo, soamente a Mostra Internacional Ambienta de Pontevedra, mais estabamos moi afastados do circuíto de festivais de Europa. Un dos problemas do colectivo é que cando os concellos poñen películas son en xuño ás 23 horas, cando a xente está na praia e nas terrazas. Por iso buscamos unha época que se dese máis para o cinema. 

—Precisamente, abordando a falta de materiais da que falaba, este tipo de iniciativas tamén poden ser unha forma de estimular a creación.
Se os festivais van ben, a xente vaise animar a preparar contido audiovisual porque saben que van ter un escaparate na súa terra e que non terán que ir a Madrid, Valladolid, Valencia ou Cáceres, onde está un dos festivais máis importantes que hai no Estado español. Creo que si que axuda, porque a xente saberá que ten unha canle para darlle visibilidade ao seu traballo e por suposto nós queremos formar parte de ese motor que a impulse.

Nesta edición temos un premio para a mellor curta, mais probabelmente nas vindeiras edicións intentaremos que sexa un concurso especial para as obras galegas. É unha idea aínda sen perfilar porque nos estamos centrando no traballo deste ano, mais está aí.

Comentarios