Festival Rosalía, dúas xornadas para celebrar o 'súper poder' do galego

Santiago tornará no epicentro das celebracións arredor da figura da 'súper heroína' do país, que porá de novo a capa e o anteface na quinta edición dun festival que contará con música, teatro, roteiros e outras actividades.
María Muíño, deputada de Normalización Lingüística da Coruña; Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural de Santiago, e Marina Oural, poeta, na presentación do festival. (Foto: Deputación da Coruña)
photo_camera María Muíño, deputada de Normalización Lingüística da Coruña; Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural de Santiago, e Marina Oural, poeta, na presentación do festival. (Foto: Deputación da Coruña)
  1. Programación completa

"O galego é o noso superpoder". Así presenta a Deputación da Coruña a quinta edición do Festival Rosalía 2023, un evento organizado coa colaboración do Concello de Santiago que celebrará a figura da 'superheroína' da Galiza os días 24 e 25 de febreiro. Dúas xornadas cun amplo e diverso programa de actividades que retornan "con todo o seu esplendor" após un obrigado paro pola pandemia da Covid-19.

O obxectivo é "celebrar todas as facetas da figura da propia Rosalía, tanto como autora e poeta, centrándonos na cultura de noso e na lingua propia, máis tamén como referente feminista, e botando man das nosas creadoras actuais", explicou na presentación do festival a deputada responsábel da área de Normalización Lingüística da Coruña, María Muíño.

Será un festival "de mulleres", cunha programación "principalmente composta por mulleres", sinalou a concelleira de Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón. Este evento nace "froito de moitas vontades" porque a figura de Rosalía, subliñou, "merece todo".

Haberá propostas escénicas a cargo de Larraitz Urruzola, Os Quinquilláns e Soledad Felloza, un paseo literario a cargo de Mercedes Espiño, un recital no que participarán poetas como Andrea Nunes, Ánxela Lema, Lucía Aldao e Diana Kurich, espectáculos que combinan música e poesía como o de Ugia Pedreia e Marina Oural e o recital musicado de Faia, un faladoiro a cargo de María Xesús Lama, Carme Adán e María Reimóndez, así como os concertos de Adhara&Rhitman e O Val das Mouras, precisaron desde a Deputación.

O espectáculo que protagonizarán Ugia Pedreira e mais Marina Oural, 1 Faba, 1 Vida, naceu en Francia co gallo de "pór en galego en novos ouvidos e recoller a impresión". "Por vez primeira imos meter un feixe de poemas de Rosalía, porque ademais de meterlle o dente aos seus poemas tamén queremos trasladar o enfado aberto de sentir que o galego está sendo percibido como un idioma estranxeiro", apuntou Oural.

Programación completa

A 'Feira de produtos rosalianos', que expón diferentes produtos que teñen Rosalía como inspiración, con 'marca Rosalía', estará activa os días 24 —de 17.30 a 21 horas— e 25 —de 12 a 21 horas—.

Sexta feira, día 24

17.30h | Apertura da Feira e Benvida de Super Rosalía.

18.00h | A VIAXE DE ROSALÍA. Teatro de monicreques a cargo de Larraitz Urruzola. Praza de Cervantes.

19.00h | OS ESPAZOS DE ROSALÍA EN SANTIAGO. Paseo literario con Mercedes Espiño. Saída da Praza de Cervantes.

20.30h | Concerto de ADHARA & RHITMAN. Praza de Cervantes.

Sábado, día 25

12.00h | Apertura da Feira e Visita de Super Rosalía.

12.30h | PRIMAVERA VAI CHEGAR. Recital musicado con Faia. Colexio Maior de San Agostiño.

13.00h| PASARRÚAS ROSALIANO. Pasarrúas teatralizado con Os Quinquilláns. Saída da Praza de Cervantes.

13.30h | PRIMAVERA VAI CHEGAR. Recital musicado con Faia. Colexio Maior de San Agostiño.

16.30h | CHOVE MIUDIÑO. Espectáculo infantil con Sole Felloza. Praza de Cervantes.

17.30h | O FEMINISMO EN ROSALÍA: MÁIS UN SUPERPODER. Faladoiro con María Xesús Lama, Carme Adán e María Reimóndez. Praza de Cervantes.

18.30h | 1 FABA, 1 VIDA. Poesía e música con Ugia Pedreira e Marina Oural. CSC Maruxa e Coralia.

19.30h | NON HAI QUEN LLOS BOTE. Recital poético con Andrea Nunes, Ánxela Lema, Lucía Aldao e Diana Kurich. Praza de Cervantes.

21.00h | Concerto d'O VAL DAS MOURAS. Teatro Principal.

Comentarios