O festival Resis propón unha fin de semana dedicada a Luigi Nono

O director Bas Wiegers dirixirá o Arxis Ensemble
O director Bas Wiegers.
photo_camera O director Bas Wiegers.

O festival de música contemporánea da Coruña, Resis, propón esta fin de semana tres eventos, que inclúen unha proxección dun documental, un dos concertos centrais do seu programa e un proxecto musical inclusivo con persoas con discapacidade auditiva ou intelectual. Os tres eventos inclúen ou inspíranse en pezas do compositor italiano Luigi Nono, a quen o festival homenaxea no centenario do seu nacemento.

Dunha banda, esta sexta feira 24 de maio, ás 20 horas, a Domus acolle a proxección do documental I film di famiglia, de Serena Nono, filla do compositor. O filme é unha película-documental sobre a súa familia  que recolle o contexto dos anos 70 e 80. A presentación inclúe un coloquio co crítico musical Paco Yáñez, a directora do documental, Serena Nono, e o filósofo Francisco Jarauta.

O sábado 25 de maio, ás 20 horas, o paraninfo do reitorado da Universidade da Coruña (UDC) acolle un dos concertos centrais do festival, Guai ai gelidi mostri, a cargo de Arxis Ensemble, que interpretará unha das grandes obras de Nono, que dá nome ao concerto, así como pezas de Rebecca Saunders, Alberto Posadas e Claudio Monteverdi.

Entre o equipo artístico deste festival, destacan o director Bas Wiegers así como as voces das solistas Noa Frenkel e Elisa de Toffol, e a actuación do contrabaixista Zacharias Fasshauer.

Por último, o domingo 26 o Resis organiza a terceira edición de A Proxección Sonora, o seu proxecto musical inclusivo, que inclúe persoas usuarias de ASPRONAGA (Asociación pro persoas con discapacidade intelectual de Galicia) e FAXPG (Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia).

A proposta inspírase na obra  La fabbrica illuminata (1964), de Luigi Nono. O concerto, que se celebra ás 13 horas no MUNCYT, será o resultado de diversos obradoiros impartidos pola actriz, Chus Álvarez e o músico Wilson Ortega, nos que traballaron a expresión corporal, a paisaxe sonora e a percusión con estes participantes con discapacidade auditiva ou intelectual. 

Comentarios