domingo 29/11/20

O festival Olloboi recibe o premio José Sellier

O Festival Audiovisual Escolar Olloboi recibe en 2020 o premio José Sellier da Academia Galega do Audiovisual
Olloboi
Olloboi

O Festival Audiovisual Escolar Olloboi vén de recibir a nova de que este ano será galardoado co premio José Sellier, outorgado pola Academia Galega do Audiovisual. O evento, que celebra unha década, aglutina diferentes contidos nunha iniciativa dirixida a alumnado e profesorado dos centros galegos. Co galardón, a Academia quere recoñecer o traballo de Olloboi por "difundir o audiovisual galego entre a xuventude a través das creadoras e creadores e permitir que o talento das nosas artistas faga canteira".

A Asociación Cultural Olloboi naceu do traballo dun grupo de docentes asentadas no Barbanza desde 2009. Co tempo, uniuse a elas xente externa ao eido escolar e constituíuse como asociación co fin de organizar anualmente o festival, que culmina en maio con proxeccións, unha entrega de premios e un encontro de novas creadoras, profesorado e profesionais do audiovisual. 

Para fomentar o espírito crítico

O certame premia a orixinalidade, a arte e o compromiso dos traballos. A Academia quere recoñecer deste xeito a súa posta en valor e fomento do "espírito crítico e a visión persoal do alumnado a través do audiovisual". A iniciativa estabeleceu fortes vínculos coa cultura galega, o tecido social do Barbanza e a canteira do audiovisual, coa publicación na web do festival de vídeos educativos nos que participan as chamadas "cómplices" do sector, entre as que se atopan Miguel de Lira, Alfonso Zarauza, Jaione Camborda, Enrique Otero, Jorge Coira, Sandra Sánchez, Ana Cermeño, Morris, Carlos Ares ou Beli Martínez.

comentarios