Máis

De festival por mar e terra

Volve soar a música entre os piñeiros de Rianxo.
Chimpíns e tractores chegando a Campo Maneiro, no festival Antrospinos. (Foto: Antros Pinos)
photo_camera Chimpíns e tractores chegando a Campo Maneiro, no festival Antrospinos. (Foto: Antros Pinos)

Esta sexta feira, 28 de xullo, regresa unha das citas estivais obrigadas para as festivaleiras e os festivaleiros da Galiza. O festival Antrospinos volverá encher a parroquia rianxeira de Taragoña de música e actividades populares, sen faltar a súa popular e xa tradicional "matraquillada" popular, na que chimpíns e tractores saen en procesión cara ao torreiro. Unha caravana de vehículos que converte o Antrospinos nunha festa tremendamente especial.

Cunha afluencia fiel e cada vez maior, o evento inclúe xa desde os últimos anos, ademais do desfile de chimpíns, un concerto en barco pola ría de Arousa, que nesta XV edición correrá a cargo da Punkestra Chumeira e que animará a mañá do domingo nas augas arousás.

Súmanse ao cartel grupos como Dj Enxebre, Sons of Exodus, The Fe Kaos, Tecor Societario, Satenta e Dj QPR, que subirán ao escenario de Campo Maneiro na noite desta sexta feira. Tamén Dj Crooked Savages, De La Cruz Show, Cuarta Xusta, Rebeliom do Inframundo, Terbutalina, Vacalouras e Dj What, que farán o propio na tarde e na noite do sábado 29 de xullo.

Co patrocinio público do Concello de Rianxo e da Deputación da Coruña, así como de varias entidades privadas, todas as actividades do Antrospinos volverán ser de balde, nunha programación que inclúe tamén un xantar popular, unha zona de acampada libre e duchas habilitadas para a ocasión festivaleira.

Un escenario perfecto para unha programación de luxo prometen unha fin de semana para o recordo, unha cita obrigatoria para todos e todas as amantes da música en directo.

Comentarios