O festival Guerrilla bota a andar en Pontevedra co 'Mussolini' de Leo Bassi

Faladoiros, poesía, teatro e música completan o programa desta primeira edición do festival Guerrilla.
Leo Bassi participará na Miteu coa montaxe 'Eu, Mussolini'. (Foto: Leo Bassi).
photo_camera O 'Mussolini' de Leo Bassi abre o programa do Festival Guerrilla. (Foto: Leo Bassi).

"Guerrilla nace para perseguir a utopía a través da cultura. Unha cultura comprometida, alternativa, revolucionaria, de resistencia e accesíbel a todo o mundo". Con estas palabras presentan desde a organización o festival Guerrilla.

O obxectivo, pois, é "pór en valor as loitas sociais e culturais históricas que se artellaron" na Galiza e "demostrar que non están mortas". "É o vivo exemplo de que desde todos os recunchos da Galiza e do resto do mundo se están a facer pequenas accións culturais para construír unha sociedade xusta e para todos e todas".

Guerrilla en Pontevedra

Deste modo, con forza, chega o festival Guerrilla a Pontevedra os vindeiros días 7, 8 e 9 de outubro

A cita, impulsada pola Concellaría de Cultura de Pontevedra e Culturactiva S. Coop. Galega, encherá a vila do Lérez de artistas referentes da cultura máis comprometida e social. "Vainos remexer por dentro, ninguén vai quedar indiferente", valorou a concelleira da área, Carmen Fouces

Durante os tres días de festival terán como protagonistas dos faladoiros a Marwán, Iván Prado, Manuel Gago, Eva Mejuto, Montse Fajardo e María Xesús Escudeiro. Estas actividades potenciarán, segundo adiantan desde a organización, a conversa sobre a resistencia galega na II Guerra Mundial, a loita antifranquista en Pontevedra ou a poesía como motor de cambio. Pola súa banda, a artista Vero Rilo ofrecerá un espectáculo de narración oral sobre “Historias de amor, vida, guerra e case morte”. 

Así mesmo, desde o festival Guerrilla destacan que Pontevedra é "o lugar perfecto para acoller este proxecto. Unha vila exemplar da resistencia a nivel cultural e social na Galiza".

Programación 

Os pratos fortes da Guerrilla que ten programada Pontevedra chegarán a partir das 21 horas coas actuacións do cómico italiano Leo Bassi, o cantautor e poeta Marwán e a banda neoiorquina The Last Internationale

Na quinta feira 7 de outubro arrancan con Yo, Mussolini, espectáculo do cómico italiano no que volve posicionarse fronte á extrema dereita cun show provocador e divertido nado do auxe da vella ideoloxía fascista.
Na sexta feira 8 de outubro subirán ao escenario do Teatro Principal o rock atrevido e político Edgey Pires e Delila Paz. 

O cantautor e poeta Marwán volve sorprender co seu cuarto libro de poemas: Una mujer en la garganta. O sábado 9 ás 21 horas agasallará o público coas súas cancións e presentará esta obra na que hai lugar para a crítica, o desamor, a pena, a autoestima, o desarraigo, a ironía, a ruptura, a alegría, o loito, o desexo, o sexo, a compaixón ou a felicidade.

Comentarios