Hazte Oír intentou negar os seus vencellos con El Yunque

Os documentos publicados por Wikileaks sobre o ascenso das entidades católicas de extrema dereita narra o intento de Hazte Oír de negar os vencellos coa sociedade segreda El Yunque, que conta con varios membros destacados tanto en Hazte Oír como en Vox.
Ignacio Arsuaga (no centro), presidente de Hazte Oír, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Hazte Oír)
photo_camera Ignacio Arsuaga (no centro), presidente de Hazte Oír, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Hazte Oír)

“Que é El Yunque? Non o sei. Non teño constancia de que exista, aínda que hai persoas que escribiron e falaron sobre iso”. Esta pregunta e resposta forma parte da “Guía para Comunicar en Situacións de Crise” deseñada por Triada Comunicación e Relacións Públicas SL, contratada pola plataforma ultracatólica Hazte Oír para negar o seu vencello coa sociedade secreta El Yunque, publicada polo dixital Público despois da filtración de Wikileaks, na que colabora co alemán Taz, o italiano Il Fatto Quotidiano e o mexicano Contralínea.

Menos dun mes antes de contratar a consultora de comunicación, a maxistrada María Belén López Castrillo, titular do Xulgado de Primeira Instancia 48 de Madrid, fallara en contra do presidente de Hazte Oír, que demandara a Fernando López Luengos, autor dun informe da Conferencia Episcopal, por relacionalos co Yunque.

Luengos descubriu no informe encargado en 2010, O Transparente da catedral de Toledo (Análise do asociacionismo dos laicos cristiáns españois e a intromisión do Yunque), que “varias das plataformas [da ultradereita relixiosa] que existen no Estado foran creadas polo Yunque e concretamente que a presidencia e membros da directiva [de Hazte Oír] forman parte do Yunque”.

Este documento levou Ignacio Arsuaga, fundador e presidente de Hazte Oír, ademais de familiar de Rodrigo Rato e amigo do presidente de Vox, Santiago Abascal, a levar a Luengo diante dos tribunais, nun proceso no que pasaron até 39 testemuñas, entre elas, un antigo membro da xunta directiva de Hazte Oír que rachou coa plataforma cando El Yunque captou a dous dos seus fillos, aínda menores de idade, aos que deu adestramento paramilitar na serra de Grazalema (Cádiz). Tamén declarou en contra de El Yunque o bispo auxiliar de Xetafe.

A axencia de comunicación chegou a deseñar unha nova falsa para difundir na que daban a entender que a sentenza  fora favorábel á plataforma.
Hazte Oír é chave no crecemento de Vox, a primeira parte da filtración de Wikileaks revela como grandes fortunas españolas deron financiamento a Hazte Oír, a través do cal se impulsou Vox. Unha investigación da organización civil Avaaz revela até que dirixentes de Vox captaron persoas novas para El Yunque.

A sociedade secreta ultra católica que fai campaña a favor de Vox

No informe desenvolto por Fernando López Luengos para a Conferencia Episcopal estatal, defínese a El Yunque, fundado en México en 1953, como unha "organización cívico-política abocada a preparar unha aristocracia do espírito que debe conducir e gobernar España segundo os ditados evanxélicos".

Para isto, a súa estratexia é o "acoso, presión e desestabilización do poder político" para acadar normativas acordes co catolicismo, ademais da ocupación de parcelas de poder político e de influencia mediática. O autor Santiago Mata presentou en 2021 unha obra na que abundaba nos vencellos entre El Yunque e Vox, onde salientaba o "apoio decisivo que El Yunque deu a Santiago Abascal para facer del un home notorio e darlle a posibilidade de tomar o poder en Vox".

Comentarios