Carme Fouces: "Temos que ofrecer novas expresións culturais en contornos máis humanos"

O Concello de Pontevedra avoga por un novo modelo de xestión cultural capaz de atender as demandas do público e as necesidades do sector durante e despois da Covid-19. Nós Diario conversa con Carme Fouces, concelleira de Cultura, após a presentación da programación cultural para este outono na cidade.
Carme Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra.
photo_camera Carme Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra.

—Pontevedra estende o seu compromiso coa cultura galega até finais de ano. Como resiste o pulso cultural da cidade?

Desde sempre, e máis nesta época tan dura que nos está tocando vivir, o Concello de Pontevedra apostou pola cultura galega. O que fixemos agora foi recuperar todos os concertos adiados durante o confinamento e completar a programación con artistas novos, como Sés ou Carlos Núñez, para facer o que nos toca como Administración: dar soporte e relanzar a cultura do noso país, que o está pasando moi mal para sacar adiante os seus proxectos creativos. Neste momento temos que prepararnos para dar a mellor resposta no peor momento.

—De aí a necesidade de definir un plan estratéxico que permita sentar as fases da xestión cultual do futuro?

Queremos facer unha análise do sector, na cidade e na comarca, para dispor de datos claros cos que empezar a traballar nun consello de persoas vinculadas a todos os ámbitos culturais, actores e consumidores, co obxectivo de deseñar unha programación a longo prazo. Podemos aproveitar a ocasión para facer da necesidade virtude  e rachar con certas inercias que nos estaban lastrando para seguir sendo o referente cultural galego que somos.

—Ese traballo contra vellas maneiras de espallar a cultura, xa comezou durante o confinamento?

Nese momento iniciamos un traballo inmenso cun dos proxectos emblema do Concello: o Salón do Libro. Nun tempo récord transformámolo nun salón virtual para dar resposta á situación que estabamos vivindo nese momento e, sobre todo, atender o público que estaba pendente de asistir a esa cita e pagarlle a todas as persoas que ían desenvolver os seus proxectos culturais nese marco. Non se puideron manter todas pero si a maioría, sempre retribuídas,  que foi unha queixa habitual do sector durante o confinamento. Todo o mundo facía cousas de balde. E parecía que iso tiña que ser así, pero a xente da cultura tamén come e ten que atender os seus gastos e é algo que temos que ter en conta.

Temos que prepararnos para dar a mellor resposta no peor momento

A partir de aí, na desescalada, quixemos facer unha demostración da forza que temos como país cultural. Acollemos o primeiro gran concerto de Guadi Galego e de Xabier Díaz, que foi unha mensaxe de confianza para o resto de Administracións de todo canto podiamos ser capaces de sacar diante. Foi un éxito, e iso animou a outros concellos a facer máis pola cultura do país,  que é o que nos ilumina.

—Vai ser posíbel garantir a programación cultural de aquí a final de ano?

Temos algunhas propostas que imos manter independentemente da capacidade de público e da súa demanda porque dependen, en exclusiva, da nosa contratación. É o caso do ciclo 'Ponteatro' e tamén dalgunha actuación musical como a de Ele ou Manel, dentro de 'As Matinés do principal'. Despois, hai dous artistas, Sés e Carlos Núñez, que xa manifestaron a intención de suspender os seus concertos se non se pode superar a capacidade de 60 persoas que agora marcaría dentro do auditorio onde está previsto que teñan lugar. Eu confío en que as circunstancias melloren, pero de non ser así, quedarían adiados, e as nosas portas sempre abertas para levalos a cabo en canto sexa posíbel.

—Como está sendo a resposta do público?

Está respondendo moi ben ás exposicións pictóricas, artísticas e plásticas. Xa o fixo durante o verán, mentres estivo aberta a mostra de Morquecho, un dos grandes artistas plásticos vivos do país; e agora, as visitas continúan para facer memoria dos dez anos de Na beira do río. Diálogos na pintura. A maiores, a xente está moi pendente do Culturgal, de como vai ser, para o que haberá que esperar a ver as condicións que se dan máis perto da última fin de semana de novembro. As entradas para o teatro, voan. Os concertos tamén gozan dunha gran demanda. E xa temos a Filharmónica ensaiando para o concerto de aninovo, coa posibilidade de ofrecer un pase dobre.

Durante moitos anos, a cultura foi cativa dos números e iso condicionou a programación de actividades menos masivas pero dunha calidade excepcional.

—O futuro pasa por multiplicar os pases de propostas máis reducidas?

É verdade que a cultura, durante moitos anos, foi cativa dos números. As cifras máis altas eran sinónimo de éxito, e isto condicionou a programación de actividades menos masivas pero dunha calidade excepcional. Agora que traballamos con números máis discretos temos que aproveitar para ofertar outras propostas, novas expresións culturais, diversas, que nos devolvan a contornos máis humanos. Non hai máis que ver o fracaso do Xacobeo, fiado a grandes eventos imposíbeis de reconducir cando esa é a única visión.

Cambio no modelo de xestión cultural

Pontevedra avanzou a finais de setembro a disolución do organismo autónomo Pazo da Cultura o vindeiro 31 de decembro, data a partir da cal o Pazo da Cultura, o Recinto Ferial, a Sala de Exposicións do Pazo e o Teatro Principal pasarán a ser servizos propios do Concello. "Os organismos autónomos creáronse nos anos 90 coa idea de captar fondos que non fosen públicos. No caso de Pontevedra os resultados foron moi discretos e o que viamos era a necesidade de tirar da estrutura municipal para poder adaptar e dotar os espazos á nova era. Viámonos moi lastrados", afirma Fouces.

"Tiñamos tres opcións: fechar as portas até que a pandemia fose historia, dotar o organismo autónomo de máis dun millón de euros ao ano para polo a funcionar ou disolvelo para integralo dentro do Concello e aproveitar todos os recursos municipais para ser verdadeiro soporte do sector cultural". 

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios