O festival de cine experimental S(8) mestura as propostas artísticas con 135 filmes de 15 países

A Mostra de Cinema Periférico da Coruña, S(8), programa un total de 135 proxeccións de 15 países distintos e unha ducia actividades complementarias que poñen diversos puntos de enfoque. O director do festival, Ángel Rueda, e a súa programadora, Elena Duque, destacan en conversa con 'Nós Diario' algunhas das súas seccións. 
Adrián Canoura realizando una peza en directo na pasada edición do S(8). (Foto: María Meseguer)
photo_camera Adrián Canoura realizando una peza en directo na pasada edición do S(8). (Foto: María Meseguer)

A Mostra de Cinema Periférico da Coruña, coñecido como o festival S(8), comezou a pasada sexta feira a súa décimo segunda edición cun programa composto por 135 proxeccións de 15 países distintos e unha serie de eventos lúdicos e divulgativos. Este festival, máis enfocado ao cinema sensorial e experimental que ao narrativo, volve coa súa versión dual adaptada aos tempos de pandemia da Covid-19, onde se pode desfrutar de contidos de maneira presencial en catro salas coruñesas con capacidade limitada e tamén a través da súa páxina web. 

O S(8) é un evento “que busca que o público viva esa experiencia que crea a maxia do cine dun modo diferente, que non sexa chegar á sala e sentarse a ver a proxección. Ademais, somos un punto de encontro entre as profesionais deste sector e achegamos un espazo de creacións ás artistas ademais de realizarmos diversos programas coa sociedade coruñesa para ser unha ferramenta máis útil e non só un festival de consumo”, salienta o director do festival, Ángel Rueda, en conversa con Nós Diario.

Facendo cine en tempo real

A ampla programación do S(8), que alén de proxeccións inclúe performances, instalacións e encontros lúdicos e profesionais, continuará até este domingo, último día no que se poderá ver en aberto o contido dixital do festival. Así, o director destaca a sección “Desbordamentos”, un espazo onde as cineastas “mostran cine en tempo real, elas propoñen modificacións e alteracións da súa obra durante a proxección e inclúen o público dentro desta performance”, explica Rueda. As pezas que compoñen esta sección –que decorrerá entre as noites de hoxe e o sábado na Fundación Luís Seoane– están realizadas por Esperanza Collado, Las Synergys (Bruno Delgado, Paula Guerrero e Esperanza Collado), Helena Girón e Samuel Delgado, Deborah S. Phillips e James Edmonds. O director do festival destaca a proposta da artista Collado, “unha estrea mundial que será moi rechamante porque contará coa intervención directa de skaters e performances que elaboran instalacións mutantes”, desvela Rueda.

Fóra das pezas audiovisuais, o director resalta o encontro profesional internacional que terá lugar na segunda feira. Baixo o título, Micro is big ("O pequeno é grande"), representantes da sala Numax de Compostela, da cooperativa Close Up Cinema de Londres, Light Industry de Nova York e Zumzeig de Barcelona, baixo a moderación de Elena Duque, debaterán sobre o presente e o futuro da exhibición cinematográfica. 

Cinema experimental galego do ano

O S(8) ten unha sección na que seleccionan as curtas experimentais realizadas durante o ano para as proxectar. A programadora do festival, Elena Duque, expón que “é unha ledicia ver que ano tras ano se segue a facer este cine no país, que ten unha concepción moi especial da arte”. “Ademais, pola nosa banda, tamén é agradábel percibir como conseguimos achegar o noso gran de area, xa que imos vendo como persoas que formaban parte do público, agora están no festival como creadoras”, asevera Duque.

"Sinais en curto", que é como se chama a sección, acollerá os novos traballos de Alberto Gracia, Sol Mussa, Xacio Baño, Marta Valverde e Eloy Domínguez Serén. “Todas as pezas son moi diferentes entre si, pero comparten esa idea de saír do convencional para crear cinema”, comenta Duque. A produtora resalta dous traballos en concreto desta escolma: Ratatouille, de Sol Mussa, e Branco e fucsia, de Marta Valverde. 

En relación a este espazo dedicado ao cinema galego, esta edición do S(8) pon o punto de enfoque en Helena Girón e Samuel Delgado, un dúo creativo no que se “combina a investigación coa asociación de materiais e ideas en películas que dan conta dun fío subterráneo e de subversión”, indican desde a organización do festival.

Unha homenaxe ao poeta e cineasta José Val del Omar

Outro dos protagonistas do festival é José Val del Omar, un poeta, inventor e cineasta gaditano que o S(8) quere pór en valor. “Esta figura non ten o recoñecemento que debería”, confesa Duque. “Nos anos 50 el estaba completamente só facendo unha serie de experimentos sobre o cine, que logo nos anos 60 xorde nos Estados Unidos; a día de hoxe non ten ese sitio na historia que si teñen outras figuras americanas”, apunta a programadora. Val del Omar “inventou unha serie de sistemas de son especial coa idea de dar unha dimensión psicolóxica e emocional ao seu traballo e creou un sistema de cinema en tres dimensións con luz que non precisaba gafas especiais, entre outras moitas achegas”, explica Duque.

Por iso o festival dedica unha serie de eventos en relación con esta figura, como o programa de proxeccións “Val del Omar, o cinema como elemento”, onde se presentará a súa obra Tríptico Elemental de España, na que filma nos anos 50, por diferentes partes do Estado, representacións dos tres elementos: auga lume e terra. Este último relaciónao con Galiza e titula a peza Camiño galaico. Ademais, o festival tamén ten programados coloquios sobre a súa figura e un programa especial en liña no que se poderán ver "imaxes inéditas do seu laboratorio PLAT (Picto-Limínica-Audio-Táctil).

Menos contidos en liña

Ante a limitación de capacidade nas salas onde se realizan os eventos presenciais, o festival mantén na súa web "o 40% do contido do programa en liña, que o ano pasado fora un 70%, debido ás maiores limitacións", indica o director. “Queremos que a xente veña a experimentar as pezas ás salas, sempre será moi distinta a velas na casa", salienta Rueda. Aínda así, o S(8) está a emitir en directo, a través das súas redes sociais, algúns dos eventos "que consideramos de maior importancia", conclúe Rueda. 

Comentarios