O Festigual volve á Coruña entre o 1 de novembro e o 3 de decembro

O festival consolídase como unha das programacións de arte inclusiva máis salientábeis da cidade.
Presentación da sétima edición do Festigual, na Coruña.
photo_camera Presentación da sétima edición do Festigual, na Coruña.

Teatro, musica, danza, grafitis, exposicións, encontros. Volve o Festigual, un proxecto que cumpre xa sete anos e que busca romper coas trabas que se atopan moitas persoas á hora de crear e consumir cultura. Esta edición celebrarase entre os días 1 de novembro e 3 de decembro, Día Mundial das Persoas con Discapacidade, e resalta pola súa transversalidade temática e participativa no referente á creación cultural.

Esta sexta feira presentouse no Concello da Coruña toda a programación da man de Yoya Neira, Concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación Cidadá;  Avia Beira González, Deputada provincial;  e Robert Pier e Sophie Simonds, artistas participantes no festival. 

O  festival trae este ano unha actuación especial da man do recoñecido grupo de pandereteiras PAN.SEN.FRON liderado por Xurxo Fernandes, que traballará xunto coa asociación veciñal do barrio O Campanario co fin de fusionar a tradición galega coa riqueza da cultura xitana. Previamente, unha variada programación con representacións teatrais dirixidas a público escolar para concienciar sobre diferentes aspectos como o acoso escolar, a situación dos mozos e mozas tuteladas, a inclusión en lingua de signos e a barbarie das guerras. 

A programación, pensada para facilitar o acceso á cultura a calquera persoa independentemente das súas capacidades, vertébrase ao redor das pezas artísticas nas que veñen traballando durante meses asociacións e profesionais a prol da inclusión na cidade como Experimentadanza, a Asociación Cultural Negus, a Sociedade Filatélica de A Coruña,  a ONCE, Asociación Cultural AIS, Proxecto Máscaras, Poten100mos, Asociación Participa, Asociación de Amigos do Museo de Belas Artes  ou TresxCuatro, apoiadas polo Programa de Cultura Accesible e Inclusiva da Fundación Emalcsa e o Concello da Coruña.  

Ademáis, e tras o éxito obtido o ano pasado, o festival celebrará a segunda edición de Música Baixo as Estrelas, unha gala na que participarán os artistas de rúa da cidade, que serán os encargados de dar o pistoletazo de saída ao festival o 01 de novembro no Teatro Colón. Despois dun inicio por todo o alto, o calendario de actividades prolongarase varias semanas con espectáculos de danza, teatro, pintura ou música.

Como novidade, e co fin de que a accesibilidade chegue tamén aos espazos en liña, este ano realizáronse melloras na web do festival para facela máis operativa ás persoas con problemas de visión, audición, cognitivos e motores. 

Comentarios